CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta apoia con 30.000 euros a celebración de competicións deportivas de pesca continental e accións formativas como as escolas de río

O Executivo galego colabora co fomento de eventos deportivos na comunidade ao tempo que se promove a participación da selección galega en campionatos nacionais e internacionais de salmónidos mosca

Ao abeiro do convenio deste ano desenvolveranse once xornadas técnicas para a formación de pescadores noveis nunha práctica sostible desta actividade deportiva e tamén responsable co medio ambiente

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia apoia cun orzamento de 30.000 euros a celebración de competicións deportivas oficiais de pesca continental así como o desenvolvemento de actividades formativas entre as que se inclúen algunhas dirixidas á mocidade como as escolas de río.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Pesca e Cásting, Manuel Mouzo, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre as partes para avanzar na promoción e difusión da actividade piscícola nos ríos galegos.

O Executivo galego colabora así co fomento de distintos eventos deportivos na comunidade ao tempo que apoia a participación da selección galega en campionatos nacionais e internacionais de salmónidos mosca.

En canto á formación, destacan as accións vencelladas coas escolas de río, unha das principais medidas que recolle a Lei de pesca fluvial de Galicia para achegar a pesca fluvial á xente máis nova e impulsar así a remuda xeracional.

Nas escolas de río, tal e como reflicte o convenio, impártense contidos tanto teóricos como prácticos e unicamente se practica unha pesca sostible. Deste xeito facilítase a educación da mocidade galega nesta materia, foméntase o coñecemento sobre os ríos e ecosistemas acuáticos da comunidade autónoma e poténciase a práctica dun deporte responsable co medio ambiente.

Os participantes reciben nocións básicas sobre os ríos, coñecen as categorías de augas pescables en Galicia, os requisitos que se exixen para pescar e as principais limitacións e prohibicións, aprenden a identificar as especies de augas continentais, tratan sobre as diferentes modalidades de pesca permitidas e as artes e engados empregados en cada unha delas ao tempo que reciben información sobre os efectos prexudiciais das especies exóticas invasoras no medio.

Formación

Nestas escolas de río poden participar pescadores noveis menores de idade e tamén aqueles que, sendo maiores de idade, non sexan titulares desde hai máis dun ano dunha licencia de pesca continental. De feito, non se require dispoñer deste documento para inscribirse na formación, algo que se pode facer a través de centros docentes, do Concello no que se desenvolva a actividade ou dunha asociación.

Nos vindeiros meses -desde comezos de maio ata mediados de setembro- está previsto que se celebren once xornadas técnicas ao abeiro das escolas de río en coutos do Carballiño (Ourense), Amoeiro (Ourense), Zas (A Coruña), Allariz (Ourense), Pontevedra, Forcarei (Pontevedra), Baralla (Lugo), Becerreá (Lugo), Santa Comba (A Coruña), Outeiro de Rei (Lugo) e Silleda e Vila de Cruces (Pontevedra).

Cos 30.000 euros destinados a este convenio -que estará vixente ata o 30 de novembro de 2024- a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva destinados desde 2016 preto de 200.000 euros co obxectivo principal de poñer en valor os ecosistemas acuáticos e a riqueza piscícola da comunidade autónoma en  colaboración coa Federación Galega de Pesca e Cásting.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es