CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta aposta pola conservación de monumentos naturais de Galicia como a praia das Catedrais, que conta xa con case 13.700 reservas para Semana Santa

As rexistradas ata o momento roldan esa cifra, polo que se agarda que, malia as malas previsións meteorolóxicas, o número final se achegue á media dos últimos anos, de arredor de 20.000 visitantes

Ángeles Vázquez salienta que este espazo natural é un dos grandes reclamos turísticos da Mariña lucense e tamén un dos seus elementos máis singulares, polo que hai que continuar divulgando o seu valor e velando pola súa protección

Ribadeo (Lugo), 26 de marzo de 2024

A Xunta pon en valor o rico patrimonio natural de Galicia e a importancia da súa conservación, especialmente de monumentos como a praia das Catedrais, que neste momento conta xa con preto de 13.700 reservas para poder visitala nesta Semana Santa.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, visitou hoxe este espazo protexido do litoral de Ribadeo, que conta cun plan de conservación desde 2015 que limita o aforo nas épocas de máis afluencia turística para velar pola integridade desta formación xeolóxica. Nesta liña, salientou que As Catedrais é un dos grandes reclamos da Mariña lucense, algo que se volverá constatar esta Semana Santa.

De feito, as reservas rexistradas neste momento -desde o pasado sábado ata o vindeiro luns- roldan xa as 13.700, polo que a previsión é que as cifras finais se acheguen á media dos últimos anos, que é de arredor de 20.000 visitantes. Por tanto, agárdase un bo número de visitas malia que o tempo e as condicións meteorolóxicas non acompañan tanto coma outros anos.

A vicepresidenta segunda en funcións lembrou que o ano pasado foi un exercicio de récord para as Catedrais, pois visitáronas máis de 244.000 persoas, e que as reservas tanto para o xoves como para o venres desta semana están preto de cubrir o aforo diario autorizado polo Executivo galego. 

Ángeles Vázquez incidiu ademais na necesidade de manter o esforzo na divulgación e a educación ambiental para dar a coñecer o amplo patrimonio natural de Galicia ao conxunto da cidadanía. Ao mesmo tempo, engadiu, é importante promover actuacións responsables entre os visitantes para preservar a flora e a fauna existentes na contorna así como protexer formacións xeolóxicas singulares e de incalculable valor como é o caso das Catedrais. Nesa liña, lembrou que está prohibido subir ás rochas, entrar nas furnas e covas ou recoller pedras para evitar o deterioro do monumento natural.

Neste sentido, a responsable autonómica incidiu en que a Xunta está a traballar en cuestións como a mellora e homoxeneización dos sinais instalados nos monumentos naturais co fin de preservar os valores medioambientais mediante a actualización da información e dos carteis con indicacións dirixidas aos visitantes.  

Monumento natural

A praia das Catedrais foi declarada monumento natural no ano 2005 e é unha das tres formacións naturais existentes na actualidade na provincia de Lugo -xunto ao Souto da Retorta (Viveiro) e o pregamento xeolóxico de Campozola-Leixazós (Quiroga)- que teñen esta consideración.

Este espazo tamén conta con outras figuras de protección pois forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) das Catedrais -dentro da Rede Natura 2000-, intégrase na zona núcleo da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terra de Burón -compartida entre Galicia e Asturias- e está catalogada como punto de interese xeolóxico polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.

O monumento natural praia das Catedrais ten desde 2014 un plan de ordenación dos recursos naturais e desde 2015 un plan de conservación. Este último establece que durante a tempada alta de afluencia turística -Semana Santa e o verán- é necesario solicitar unha autorización gratuíta da Xunta para acceder ao areal. O obxectivo é controlar o aforo para facer compatible o uso público deste espazo coa preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como monumento natural. 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es