CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Un estudo da Xunta prevé que Galicia manterá unha boa calidade do aire cos novos valores límite propostos pola UE e a OMS de cara a 2030

Analizáronse os datos recollidos pola Rede de Calidade do Aire de Galicia no período 2018-2022 en base aos valores límite da nova directiva

Tamén se lle aplicaron a unha simulación do estado da calidade do aire tendo en conta a proxección das emisións na Comunidade en 2030

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2024

A Xunta prevé que Galicia manteña unha boa calidade do aire cos novos valores límite fixados de cara a 2030 pola Unión Europea e a Organización Mundial da Saúde, segundo un estudo de diagnose levado a cabo pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para coñecer as repercusións de aplicar os parámetros.

En base ao propósito de garantir que a calidade do aire na UE non sexa prexudicial para a saúde humana, os ecosistemas naturais e a biodiversidade, a nova Directiva europea establecerá, de acordo coas directrices más recentes da OMS, valores límite e obxectivos máis estritos para varios contaminantes, como o dióxido de nitróxeno, o dióxido de xofre, o ozono e as partículas PM2.5 e PM10.

Así mesmo, esta nova norma modificará aspectos como, por exemplo, os parámetros a monitorizar; os requisitos para o control e a modelización da calidade do aire para mellorar a súa xestión e as medidas de prevención e garantir en maior medida o cumprimento das normas; a cooperación entre os Estados membros en materia de contaminación transfronteiriza; a elaboración de plans de calidade do aire, etc.

No marco desa reforma, a Xunta realizou unha análise para coñecer a repercusión na calidade do aire de Galicia os novos parámetros. Nesa liña, analizáronse os datos recollidos pola Rede de Calidade do Aire de Galicia no período 2018-2022 en base aos parámetros da nova directiva. A maiores, fíxose unha proxección das emisións na Comunidade en 2030, coa que se realizou unha simulación do estado da calidade do aire á que tamén se lle aplicaron os novos valores límite.

Deste xeito, este diagnóstico permitiu identificar os sectores de actividade con maior contribución ás emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia e a súa evolución nos últimos anos; analizar a situación e a evolución dos valores medidos nos últimos anos fronte aos parámetros recomendados pola OMS, e avaliar a incidencia prevista na calidade do aire de Galicia en 2030 da planificación de redución de emisións existente a nivel nacional.

Así, conforme ás proxeccións de emisións consideradas e aos resultados das simulacións realizadas, o grao de cumprimento dos novos obxectivos melloraría de xeito significativo no que se refire ao dióxido de nitróxeno, mentres que o dióxido de xofre e o ozono manteríanse sen variación apreciable. No caso de partículas, obsérvase un previsible maior grao de cumprimento de PM10 e estabilidade no que se refire a PM2.5. No que se atinxe ao dióxido de carbono, os niveis deste parámetro estiveron moi por debaixo das recomendacións da OMS, polo que é razoable considerar que dita situación se manterá no 2030.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es