CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta renova parte do parque móbil dos servizos de Patrimonio Natural e Recuperación de Fauna cun investimento de máis de 2,6 millóns de euros

O contrato permite dotar ao persoal de camionetas estilo pick-up, coches SUV 4x4, furgonetas e vehículos todoterreo para facilitar o seu labor nas zonas forestais ou de difícil acceso nas que adoita desenvolver a súa actividade

A disposición de medios máis modernos favorece o aforro de combustible, a eficiencia enerxética e a redución de emisións ao medio ambiente

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2024

A Xunta adxudicou por algo máis de 2,6 millóns de euros o contrato para a subministración de 108 vehículos, cos que renova parte do parque móbil adscrito aos servizos provinciais de Patrimonio Natural e dos Centros de Recuperación de Fauna. A incorporación deste centenar de unidades contribuirá a facilitar e optimizar o labor dos profesionais destes departamentos.

O contrato repartiuse en cinco lotes en función do tipo de vehículo requirido, abarcando camionetas estilo pick-up, coches SUV 4x4, furgonetas e todoterreos. A modalidade elixida para a subministración foi o sistema de arrendamento na modalidade de renting, posto que resulta máis rendible e permite aproveitar mellor os recursos públicos ao corresponder ao adxudicatario, tanto o mantemento integral dos vehículos como as reparacións e outros gastos derivados do seu uso.

A súa entrada en servizo permitirá modernizar parte dos medios materiais adscritos á Dirección Xeral de Patrimonio Natural tendo en conta que o seu persoal precisa para o exercicio das súas funcións vehículos deste tipo. De feito, están dotados de tracción integral preparados para transitar por pistas forestais estreitas e outras zonas agrestes ou de difícil acceso, manobrar sen dificultade en terreos embarrados e superar fortes pendentes a baixa velocidade. Así mesmo, os Centros de Recuperación de Fauna requiren de furgonetas lixeiras con separación de carga para a recollida de fauna silvestre.    

A adxudicación do contrato -cunha duración de 24 ou 48 meses, en función do tipo de medio- permitirá dispoñer de vehículos máis modernos que os do parque móbil actual, favorecendo un aforro de combustible, cunha maior eficiencia enerxética, e a redución das emisións ao medio, así como facilitando o labor dos profesionais dos servizos de Patrimonio Natural, que disporán de mellores medios para desenvolver o seu traballo en maiores condicións de seguridade.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es