CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta asina as escrituras públicas de adxudicación de catro parcelas no barrio coruñés de Xuxán para construír 224 vivendas protexidas para alugueiro

As parcelas foron adxudicadas á cooperativa Galivivienda en réxime de dereito de superficie, o que supón unha importante axuda para reducir os custos da promoción

A entidade, que prevé investir preto de 40 millóns de euros, recibiu unha axuda do Executivo galego de preto de 11 millóns de euros financiada con fondos europeos

O Goberno autonómico adxudicou unha quinta parcela á cooperativa A Luzada para levantar 32 vivendas cun investimento de arredor de 5 millóns de euros e unha achega de recursos europeos de 1,5 millóns de euros

Todas as vivendas serán protexidas e destinadas ao alugueiro por un prazo de 50 anos, período despois do cal pasarán a ser propiedade da Administración autonómica

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

A Xunta de Galicia asinou hoxe as escrituras públicas de adxudicación á cooperativa Galivivienda de catro parcelas no barrio coruñés de Xuxán (no antigo parque Ofimático) para a construción de 224 vivendas protexidas en réxime de alugueiro.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o representante da cooperativa, Iván Blanco, asinaron esta mañá as escrituras polas que se adxudican as catro parcelas en dereito de superficie por un prazo de cincuenta anos a cambio do pago dun canon anual de 7.188,98 euros anuais, con actualización anual de acordo co índice de prezos ao consumo (IPC). Unha vez rematado o prazo da concesión, tanto o solo como as vivendas pasarán a formar parte do parque público de vivenda propiedade da Xunta de Galicia.

As parcelas adxudicadas (Z-7, Z-27, Z-35 e Z-40) serán destinadas pola cooperativa á construción de 224 vivendas protexidas para alugueiro cun investimento de preto de 40 millóns de euros. Ese orzamento conta cunha axuda de 10,75 millóns de euros concedida polo Executivo galego e financiada con fondos europeos Next Generation.

Adxudicación doutra parcela

O Goberno autonómico tamén adxudicou unha quinta parcela en Xuxán á cooperativa A Luzada -a sinatura da escritura realizarase proximamente- para a construción doutras 32 vivendas protexidas para alugueiro. Esta cooperativa, que prevé investir máis de 4,8 millóns de euros na construción das vivendas, recibiu unha axuda de máis de 1,5 millóns concedida tamén pola Xunta e financiada con fondos europeos Next Generation.

As cinco parcelas foron adxudicadas en réxime de dereito de superficie, o que supón unha importante axuda para as cooperativas ao non ter que facer fronte a un forte desembolso no caso de que as parcelas fosen adxudicadas en réxime de compravenda, co conseguinte encarecemento da promoción. A adxudicación en réxime de dereito de superficie supón unha repercusión do solo de entre 1.200 e 1.600 euros por vivenda, mentres que a adxudicación en compravenda roldaría os 30.000 euros por cada unha.

Esta acción complementa a construción directa de vivendas de promoción pública por parte do IGVS en Xuxán, onde a finais de 2023 se entregaron aos seus adxudicatarios as primeiras 40 vivendas construídas. A estas uniranse outras 40, cuxa construción está xa adxudicada por importe de preto de 7,6 millóns de euros e que se iniciarán en canto se dispoña da licencia municipal de obras. Un terceiro grupo de 50 vivendas a construír polo IGVS -e do que xa se ten solicitada a licencia municipal ao Concello- será licitado tamén proximamente.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es