CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta convoca axudas de ata 8.000 € para rehabilitar inmobles do Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro

As solicitudes poderán presentarse a partir de mañá e ata o vindeiro 4 de novembro

Cunha dotación de 196.000 euros, se subvencionarán obras de mantemento, rehabilitación e adaptación e a compra e colocación de mobles de cociña e sanitarios

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

A Xunta de Galicia convoca axudas por un importe máximo de ata 8.000 euros para contribuír a financiar obras de rehabilitación de inmobles incluídos no Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro, tal e como se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Os propietarios ou usufrutuarios das vivendas nas que se vaia actuar terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde mañá, 5 de abril, e ata o vindeiro 4 de novembro —se non se esgota antes o orzamento—.

Cunha dotación global de 196.000 euros, a convocatoria deste ano do chamado Programa Rehaluga permitirá conceder subvencións por importes que se moverán entre un máximo de 3.000, de 5.000 ou de 8.000 euros en función do prezo do alugueiro e do concello no que estea localizada a vivenda en cuestión.

Entre os tipos de actuacións para as que se poderán solicitar axudas figuran as obras de conservación e mantemento dos inmobles, así como as de rehabilitación que sexan necesarias para garantir a habitabilidade da vivenda e o correcto funcionamento das súas instalacións. Tamén serán subvencionables os axustes na distribución do inmoble que non impliquen unha alteración substancial do mesmo; a adquisición e colocación de mobiliario de cociña e electrodomésticos; e o cambio de sanitarios, bañeira e mamparas.

En todo caso, as obras anteriormente sinaladas só se subvencionarán en caso de que se realicen a partir do 4 de novembro de 2023 e sen que o seu o prazo de execución poida exceder, en ningún caso, do 30 de abril de 2025.

Compatibilidade con outros incentivos

Ademais, as axudas do Programa Rehaluga son compatibles con aquelas concedidas para o mesmo obxectivo por parte doutras administracións públicas sempre que o importe de todas elas non supere o custo total das actuacións.

Cómpre lembrar que o Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro foi posto en marcha pola Xunta a finais do ano 2022 co obxectivo de incorporar inmobles sen uso ao mercado de alugueiro a prezos accesibles coa colaboración dos axentes inmobiliarios. 

Neste sentido, na súa condición de axentes colaboradores, estes profesionais son os encargados de localizar vivendas que reúnan os requisitos axeitados para incorporarse ao programa e facilitar a sinatura do correspondente contrato entre arrendador e arrendatario.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es