CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta realiza labores de conservación e mantemento no perímetro do encoro da Baxe, nos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña

As tarefas céntranse nas rozas de vexetación en camiños do perímetro do encoro e de faixas de xestión de biomasa

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no perímetro do encoro da Baxe, nos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

As tarefas, que se desenvolverán nas parroquias de Santo André de Cesas (Caldas de Reis), Troáns (Cuntis) e Laxe e Saiáns (Moraña), céntranse na roza de vexetación e na retirada de árbores caídas en camiños do perímetro do encoro. Así, a administración autonómica espera que, unha vez finalizadas estas intervencións, os camiños queden despexados de maleza. Ademais, os traballos inclúen a roza de faixas de xestión de biomasa e o mantemento de plantacións dentro do perímetro de expropiación.

As actuacións, que se levan a cabo en 8,8 quilómetros de camiños e nunha superficie aproximada de máis de 14 hectáreas, xa foron comunicadas aos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña. Prolongaranse durante aproximadamente un mes e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoras co apoio de tractores e un camión.

Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es