CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita por 1,9 M€ a construción dunha depuradora no río Mendo que dará servizo ao Concello de Salvaterra de Miño

A nova instalación hidráulica, cun prazo de execución de ano e medio, está deseñada para cubrir as necesidades de arredor de 2.300 veciños no horizonte do ano 2040

O Executivo galego asumirá o 90% do custo da actuación e o Goberno municipal o 10% restante, en virtude dun convenio de colaboración asinado a comezos deste ano

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

A Xunta de Galicia acaba de licitar por un orzamento de 1.921.242,48 euros, IVE incluído, as obras para construír unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) no río Mendo co fin de mellorar as actuais infraestruturas de saneamento do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño.

Cun prazo de execución de 18 meses, a futura instalación hidráulica está deseñada para aguantar un caudal horario punta de 118,00 m3/h, correspondente aos 2.310 habitantes esperados no horizonte do ano 2040.

Ademais da nova EDAR, os traballos licitados comprenden tamén outras actuacións como a construción dun colector de conexión á rede da parroquia de Oleiros, un pozo de bombeo ou un colector-emisario para o vertido do efluente xa depurado ao río Miño.

Cómpre lembrar que o Goberno galego e o Executivo local asinaron o pasado mes de xaneiro un convenio en virtude do cal ambas administracións se comprometeron a colaborar na construción dunha nova EDAR no municipio, actuación cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

En virtude dese acordo, a Xunta asumirá o 90% do custo da actuación (é dicir, 1,7 millóns de euros) e encargarase de contratar as obras a través do organismo autonómico Augas de Galicia, mentres que o Concello de Salvaterra achegará o 10% restante (0,2 millóns de euros) e mais os terreos, ademais de facerse cargo da posta en servizo da instalación.

As empresas interesadas en optar ao contrato para a construción da nova depuradora no río Mendo teñen de prazo ata o vindeiro 7 de xuño para presentar as súas ofertas a través de medios electrónicos.

Situación actual

O Concello de Salvaterra de Miño leva anos desenvolvendo o saneamento integral do seu territorio, nas concas dos ríos Tea, Caselas e Mendo. Así mesmo e no marco da súa estratexia de apoio e colaboración coas entidades locais neste eido, Augas de Galicia rematou no ano 2012 os traballos que permitiron poñer en servizo unha rede de saneamento separativa que recolle as augas residuais xeradas nas parroquias de Leirado, Fiolledo, Soutolobre, Corzáns, Oleiros e Meder, no Mendo.

En canto ás depuradoras, optouse por acometer dúas instalacións independentes: por unha banda, a EDAR da Plisan, no regueiro de Xuliana (pertencente ao Concello de As Neves), que tamén recibirá os efluentes das parroquias situadas no extremo suroeste de Salvaterra de Miño; e, por outra, unha estación depuradora independente na conca do río Mendo (no regato de Loveira), que se define no proxecto obxecto desta licitación.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es