CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta salienta a importancia do enfoque da infraestrutura verde na xestión da paisaxe

O proxecto GIFT ten como obxectivo establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna

No encontro combinaranse as reunións técnicas con visitas ao territorio nas que comprobar o desenvolvemento desta iniciativa

Zagreb (Croacia), 15 de maio de 2024

A Xunta de Galicia participa esta semana na reunión internacional dos socios europeos do proxecto Green Infraestruture for Forest and Trees (GIFT), que se celebra en Zagreb (Croacia), co obxectivo de seguir avanzando no desenvolvemento da infraestrutura verde.

Durante a súa intervención no encontro, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor a importancia que ten o enfoque da infraestrutura verde na xestión da paisaxe. Nesa liña, o Goberno galego solicitará, ao abeiro deste proxecto europeo, unha acción piloto que permita verificar as melloras alcanzadas nese eido.

A maiores, os participantes nesta iniciativa -un total de 10, baixo a dirección e liderado do Goberno galego- valorarán e avaliarán a traxectoria do GIFT así como os aspectos técnicos, financeiros e loxísticos dos vindeiros meses. Deste xeito, combinaranse as reunións técnicas con visitas de estudo nas que comprobar o desenvolvemento deste proxecto.

Así mesmo, durante as reunións tamén se avanzará na definición de proxectos piloto entre os socios con retos comúns ou que poidan ser complementarios de cara a poder ser solicitados o vindeiro ano ao abeiro da revisión intermedia do proxecto.

Ademais, no marco da reunión entre pares que tamén se celebra na capital croata, técnicos do IET e da Universidade da Coruña trasladarán a súa experiencia en cuestións relacionadas co impulso ás infraestruturas verdes urbanas. Así, asesorarán ás autoridades de Zagreb no desenvolvemento do Programa de avaliación e seguimento do estado ecolóxico e da biodiversidade dos bosques urbanos. O obxectivo desta iniciativa é integrar a infraestrutura verde no tecido urbano como garante da preservación de multitude de especies animais e vexetais, pero tamén pola contribución ao secuestro de carbono, á melloría da calidade do aire ou á mitigación das illas de calor.

De feito, cómpre lembrar que o proxecto GIFT ten como obxectivo o establecemento de medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Proxecto GIFT

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante achegado pola Xunta—, a iniciativa pon especial atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

No proxecto, ademais da Xunta, participan outras 9 entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Cómpre subliñar que este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando así o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es