CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta invita ao sector pesqueiro a sumar no obxectivo de acadar a neutralidade climática e facer de Galicia unha rexión resilente ao cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda traslada ao sector a necesidade de conseguir un equilibrio entre as emisións e absorcións de gases de efecto invernadoiro derivadas da acción humana

Recorda que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, onde o sector da pesca foi un dos ámbitos de estudo

Avoga por unha pesca sostible, que evite o esgotamento das reservas de peixe e garanta unha fonte de alimento; co que se dará cumprimento a un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que fixa a ONU na súa Axenda 2030
 

A Coruña, 7 de novembro de 2018.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao sector da pesca a súa invitación para sumar na senda de acadar a neutralidade climática en Galicia, é dicir, conseguir un equilibrio entre as emisións e absorcións de gases de efecto invernadoiro derivadas da actividade humana. Un obxectivo que ten que ser unha realidade no ano 2050 e polo tanto que implica sentar as bases da Galicia que queremos deixar como legado ás xeracións futuras, alegou.

Este foi un dos retos que lanzou esta mañá durante a clausura do VI Congreso de Sostibilidade Social e Económica do Sector Pesqueiro, organizado pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social, onde destacou a necesidade de facer de Galicia unha rexión resilente ao cambio climático e recordou que o Goberno galego está a traballar nese sentido; polo que a súa acción se condensará na Estratexia de cambio Climático e Enerxía 2050, que se está a ultimar e na que o sector mariño e da pesca foi un ámbito de análise en detalle.

A conselleira defendeu a necesidade de garantir a sostibilidade dos recursos e loitar contra os principais perigos aos que se enfronta, entre eles a contaminación e a incidencia do cambio climático; e que non son alleos aos sector pesqueiro.

Nese sentido, recordou que a Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible é outra folla de ruta con obxectivos moi concretos e metas que abarcan a esfera económica, social e ambiental.

A modo de exemplo, citou que unha pesca sostible é capaz de dar resposta ao obxectivo de mitigar a pobreza, creando oportunidades de emprego en especial en zonas rurais; e de crear traballo digno, poñendo en valor as técnicas artesanais; tamén suma ao obxectivo “fame cero”, evitando o esgotamento das reservas de peixe e garantindo unha fonte de alimento; contribuíndo ao mesmo tempo á saúde e benestar dos océanos, que entroncando co anterior son necesarios para que a pesca e a alimentación tamén o sexan.

Ángeles Vázquez salientou que un factor determinante nesta loita é educación, polo que se debe concienciar á poboación sobre a importancia da sostibilidade da pesca e de que o consumo que fagan aposte por este tipo de técnicas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es