CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O concurso de reciclaxe ‘Pilabot’ comeza en 150 colexios para concienciar sobre o impacto destes residuos no medio ambiente

A través desta iniciativa, que se prolongará durante cinco semanas en todos os centros de ensino de primaria e secundaria adheridos, fomentarase a recollida selectiva e a reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores portátiles

Os colexios que máis quilos recollan nos contedores habilitados recibirán catro premios económicos para investir na compra de material escolar ou deportivo

Unha soa pila de botón pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o equivalente ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida

  • Alumnos de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia participarán desde esta semana na campaña Pilabot
  • Alumnos de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia participarán desde esta semana na campaña Pilabot

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2018.- Alumnos de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia participarán desde esta semana na campaña Pilabot, unha iniciativa pioneira impulsada pola Consellería de Medio Ambiente para fomentar a recollida de pilas e baterías ao tempo que se conciencia ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental deste tipo de residuos.

Para tentar chegar mellor aos rapaces, a campaña inclúe como actividade estrela un concurso de reciclaxe de forma que os centros participantes que consigan as mellores cifras de recollida recibirán un premio económico, que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo para actividades educativas. Concretamente, estableceranse catro premios: dous, dotados con 2.500 euros cada un, para o centro escolar que máis quilos de pilas reúna e tamén para o centro que máis quilos recolla por alumno; e outros dous, de 1.250 euros, para o colexio que quede en segunda posición en ambas categorías.

O concurso de recollida de pilas terá unha duración de cinco semanas lectivas en todos os centros adheridos. Esta semana arrincou oficialmente nos primeiros colexios coa instalación de bidóns recolectores de pilas e diverso material informativo, e nos próximos días irase estendendo de forma paulatina á totalidade dos 150 centros inscritos (53 centros da provincia de A Coruña; 15 de Lugo; 31 de Ourense; e 51 de Pontevedra), finalizando oficialmente coas últimas recollidas o 11 de febreiro.

Así mesmo, a campaña Pilabot, que se pon en marcha coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, tamén incluirá actividades informativas e charlas educativas nos centros, coa entrega de información e material sobre a campaña, e sobre a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas e tamén se organizará un concurso de fotografía creativa #eusonpilabot, no que as tres fotos que acaden nas redes máis “me gusta” tamén acadarán un premio.

Carga contaminante

A campaña Pilabot, que ten como mascota a un simpático robot, arrincou oficialmente o 1 de outubro coa presentación e xestión das inscricións nos centros e prolongará as súas actividades ata o mes de marzo, cunha festa final e a entrega de premios aos gañadores das distintas actividades.

Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.

Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas, reloxos... polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.

Neste sentido, a coincidencia co Nadal da campaña Pilabot tamén permitirá concienciar aos rapaces e ás súas familias sobre a forma máis axeitada de reciclar pilas e baterías nunha das épocas do ano de maior consumo de aparellos eléctricos e electrónicos.

En todo caso, nos últimos anos tense incrementado de forma notable a concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Según as cifras de 2017 (último ano con datos completos dispoñibles), en Galicia recuperáronse 225.356 quilos de pilas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es