CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente avanzará en 2019 no plan de conservación do Avó de Chavín, ao que Correos vén de dedicar un selo homenaxe

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salienta a beleza do Souto da Retorta no que se localiza o emblemático eucalipto e avanza que o seu departamento traballa na tramitación do primeiro documento destinado á protección e conservación deste espazo, declarado monumento natural

A responsable da Xunta confía en que a iniciativa axude a dar a coñecer a singularidade desta árbore senlleira e contribúa á súa posta en valor

Esta mañá presentouse en Viveiro o selo inspirado no Avó, cun deseño moderno en forma de folla de eucalipto e que terá unha tirada de 960.000 unidades

  • Medio Ambiente avanzará en 2019 no plan de conservación do Avó de Chavín, ao que Correos vén de dedicar un selo homenaxe
  • Medio Ambiente avanzará en 2019 no plan de conservación do Avó de Chavín, ao que Correos vén de dedicar un selo homenaxe

Viveiro (Lugo), 3 de decembro de 2018.- A Xunta está a traballar no que será o primeiro plan de conservación do monumento natural do Souto da Retorta, coñecido por albergar o emblemático eucalipto O Avó de Chavín. Así o avanzou esta mañá en Viveiro a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso da presentación oficial do selo que Correos acaba de emitir en homenaxe a esta árbore.

O obxectivo da Xunta, segundo explicou a conselleira, será avanzar ao longo do próximo ano na elaboración do plan de conservación, co que se buscará protexer e conservar o Souto da Retorta, un conxunto de gran beleza e un dos 8 monumentos naturais que existen en Galicia desde que fora declarado como tal no ano 2000.

O elemento principal e máis coñecido deste espazo é un enorme eucalipto chamado O Avó de Chavín. Trátase dun exemplar moi singular, segundo remarcou a conselleira, tanto polo seu tamaño, que o converte nun dos eucaliptos máis altos de Europa; como pola súa antigüidade, que se calcula entre os 106 e os 138 anos; ou a súa peculiar morfoloxía, cunha base con forma de pata de elefante.

Todas estas particularidades valéronlle ao Avó de Chavín para ser recoñecido como un dos 150 exemplares que forman parte do Catálogo galego de Árbores Senlleiras, un rexistro público dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecedoras dunha protección especial en atención ás súas características excepcionais. O Avó tamén recibiu en 2010 o premio Árbore do Ano que outorga a ONG Bosques sen Fronteiras e a Fundación Biodiversidade.

Debido a estes e a outros recoñecementos, o eucalipto de Chavín é na actualidade a árbore máis famosa de Galicia na súa especie, unha fama que Ángeles Vázquez cre que se multiplicará grazas ao selo que Correos lle acaba de dedicar dentro da súa serie Flora, coa que xa homenaxeara no seu día a exemplares históricos como, por exemplo, a Árbore de Gernika.

Cunha tirada de 960.000 exemplares distribuídos nun prego con seis unidades cada un, o selo está deseñado con forma de folla de eucalipto e leva impregnado o singular aroma destas árbores.

Investimentos en patrimonio natural

A titular de Medio Ambiente aproveitou a súa visita ao Souto da Retorta para subliñar que a protección do patrimonio natural galego seguirá a ser unha prioridade para a Xunta o próximo exercicio. Así se reflicte nos orzamentos de 2019, nos que este departamento reserva máis de 32 millóns de euros a este obxectivo, ou en novidades lexislativas como a futura Lei de Patrimonio Natural, que o próximo ano será remitida ao Parlamento co fin de sentar as bases para protexer de forma máis eficiente a nosa riqueza ecolóxica.

Nesta liña, Ángeles Vázquez tamén se referiu aos máis de 70.000 euros investidos pola Xunta nestes últimos anos no acondicionamento e posta en valor do monumento natural do Souto da Retorta, un esforzo ao que se lle dará continuidade e que virá completar tamén o futuro plan de conservación deste espazo.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es