CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita as obras de explanación de máis de 143.000 m2 no parque empresarial de Morás, en Arteixo

O Instituto Galego de Vivenda e Solo continúa co desenvolvemento do parque empresarial, no que xa se remataron dúas obras e está adxudicada a urbanización da primeira fase

As parcelas que se van explanar foron adxudicadas a unha empresa do sector do aluminio e a antigos propietarios de solo no ámbito do parque, interesados en asentarse no mesmo
 

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2018.- A Xunta de Galicia continúa avanzando na urbanización do parque empresarial de Morás, en Arteixo, coa licitación dos traballos de explanación das parcelas xa adxudicadas, tanto en réxime de dereito de superficie como aos antigos propietarios de solo no ámbito do parque empresarial.

Así, o Consello de Administración de Xestur acordou licitar os traballos de explanación de seis parcelas do parque empresarial de Morás por importe de 2.147.742,65 euros. As parcelas sobre as que se vai actuar supoñen unha superficie total de 143.631 m2, dos que máis de 105.000 foron adxudicados en réxime de dereito de superficie a unha empresa do sector do aluminio e o resto a antigos propietarios de solo no ámbito do parque.

Ao mesmo tempo, Xestur acordou licitar o control de calidade da obra de explanación por importe de 48.662 euros máis IVE.

Primeira fase

As obras de urbanización da primeira fase xa foron adxudicadas na segunda quincena de outubro á empresa Acciona Construción S.A. por importe de 3.745.177,27 euros e un prazo de execución de oito meses.

A urbanización da primeira fase do parque empresarial de Morás comprenderá unha superficie total de 554.002 metros cadrados, nos que se obterán 316.815 metros cadrados de superficie destinada a máis de 60 parcelas de uso industrial e comercial, con superficies que irán de 1.000 a 105.000 metros cadrados. Esta fase contará con máis de 3.800 prazas de aparcamento.

Obras rematadas

As obras de urbanización da primeira fase do parque empresarial non son as primeiras que se realizan en Morás, xa que en setembro de 2018 a empresa pública Xestur rematou a obra de explanación da plataforma K-3 e o Eixo 0 do parque empresarial, cun investimento de máis de 3,1 millóns de euros.

A plataforma K3 era a única do parque empresarial que estaban sen explanar e a necesidade de realizar voladuras fixeron que a obra tivera que realizarse antes de iniciar as correspondentes á primeira fase do parque empresarial. Xunto coa explanación da plataforma executouse o Eixo 0 do parque, que permitía o acceso á K-3 e a circulación de maneira ordenada e en condicións axeitadas de seguridade polo ámbito unha vez se inicien as obras de urbanización interior do parque empresarial

Tamén rematou neste verán a obra de acondicionamento da estrada DP-0512 que atravesa o parque empresarial e constitúe un dos seus viais, na que se investiron máis de 800.000 euros.

No parque empresarial de Morás xa foron adxudicados 105.000 metros cadrados á empresa Aluman e máis de 43.000 metros cadrados a antigos propietarios de solo no ámbito do parque empresarial.

Coas obras licitadas hoxe, o investimento da Xunta de Galicia no parque empresarial de Morás en dous anos supera os 12 millóns de euros.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es