CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galicia despediu o ano cun mes de decembro seco e moi cálido

A temperatura situouse 2,1 graos por riba da media climatolóxica e os termómetros rexistraron valores máis elevados do habitual en toda a comunidade

Polo que respecta ás precipitacións, choveu un 32% menos do normal tendo en conta os valores rexistrados durante a serie histórica 1961-2018

A predición de MeteoGalicia apunta que a masa de aire frío polar que está entrando na península afectará menos á comunidade galega que a outros puntos do norte e leste do país, nos que o descenso das temperaturas será máis significativo

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019.- Galicia despediu o ano 2018 cun mes de decembro atípico, con temperaturas medias por riba do habitual e menos choivas das esperadas. Así se desprende do informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, no que se conclúe que o mes pasado se caracterizou por ser seco e moi cálido.

As tres primeiras semanas de decembro quedaron marcadas pola chegada de varias borrascas atlánticas que aportaron humidade e temperaturas en xeral suaves. Os últimos días do ano, polo contrario, predominaron as altas presións, o que propiciou que Galicia quedara illada da inestabilidade e da chegada de aire frío procedente do continente e desfrutase dunha situación anticiclónica.

Polo que respecta ás temperaturas, o balance de MeteoGalicia constata que, en xeral, foron máis elevadas que a media climatolóxica, con máximas que se situaron nos 12,8º e mínimas de 6º. A anomalía da temperatura media no mes de decembro foi de 2,1 graos por riba do habitual tomando como referencia o período 1981-2010.

Con todo, no leste da comunidade esta desviación respecto dos valores agardados chegou a ser de 4 graos e incluso nas zonas onde se rexistraron temperaturas medias próximas á normalidade, como é o caso de Monforte de Lemos, rexistrouse igualmente unha anomalía positiva de 0,8 graos. O último mes de decembro cunha anomalía tan alta das temperaturas foi o do ano 2015.

Así mesmo, decembro foi tamén un mes seco en Galicia, cunha precipitación media acumulada de 139 litros por metro cadrado. Este dato reflicte un déficit de chuvias do 32% se se compara coa evolución das precipitacións no outro período de referencia que utiliza MeteoGalicia nas súas análises: 1961-2018. Con todo, a situación foi menos homoxénea que no caso das temperaturas. Así, mentres que na Mariña lucense e na montaña ourensá se rexistraron os valores máis baixos de Galicia, con apenas 10 litros por metro cadrado, no oeste da comunidade recolleuse un 38% máis da chuvia agardada para esta época do ano.

Ola de frío polar

Por outra banda, MeteoGalicia tamén informa de que a masa de aire frío polar continental entrará hoxe na península polo leste deixando ao seu paso por esta zona e no norte do país unha baixada significativa das temperaturas. Neste sentido, os técnicos do servizo meteorolóxico da Xunta agardan que en Galicia ese descenso sexa menos acusado.

De feito, as temperaturas mínimas da pasada madrugada quedaron en valores en negativo, pero sen chegar a superar o limiar de aviso da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), xa que en ningún lugar houbo valores por baixo dos -5º.

Para as xornadas de mañá e de pasado agárdase que o aire frío persista sobre as mesmas zonas que hoxe, polo que en Galicia notarase un lixeiro descenso das temperaturas nocturnas, pero non porque vaia a entrar máis frío, senón porque vai a baixar a velocidade do vento. Neste sentido, desde MeteoGalicia apuntan a que as noites serán máis frías especialmente na provincia de Ourense e no sur e na montaña de Lugo, con valores de -5º ou -7º. Cómpre subliñar tamén que esta entrada da aire frío se notará especialmente nas zonas altas e de montaña. onde haberá moitos puntos que estean en negativo todo o día.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es