CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente analiza co concello de Cerdedo-Cotobade os avances na tramitación do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Jorge Cubela mantiveron unha reunión na que abordaron diversos asuntos de interese para este municipio pontevedrés

  • Reunión entre Ángeles Vázquez e o alcalde de Cerdedo-Cotobade

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantiveron unha reunión de traballo na que analizaron diversos asuntos de interese municipal en materia de medio ambiente e urbanismo, así como algúns dos proxectos nos que está a traballar nestes momentos o concello pontevedrés.

En concreto, ambos mandatarios dedicaron parte da xuntanza a analizar os últimos avances na tramitación do que será o primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia, que despois da sinatura do correspondente convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Cerdedo-Cotobade co fin de impulsalo, nestes momentos tan só está pendente de que a entidade local proceda a licitar o contrato nos próximos meses.

Os Pactos pola Paisaxe son figuras recollidas na Lei de Protección da Paisaxe de Galicia que pretenden servir de instrumentos de concertación entre administracións públicas, entidades locais e outros axentes económicos e sociais que de forma voluntaria estean interesados en promover actuacións orientadas a protexer un determinado territorio.

No caso concreto de Cerdedo-Cotobade, o obxectivo do pacto asinado coa consellería é garantir a xestión, protección e ordenación da paisaxe dos meandros do Lérez, unha zona declarada Área de Especial Interese Paisaxístico e con elementos de gran interese como fervenzas naturais, muíños ou sendas peonís.

Proxecto de humanización urbanística

Por outra banda, o rexedor Jorge Cubela tamén aproveitou a reunión para transmitirlle á conselleira que o seu equipo ten sobre a mesa un proxecto de humanización urbanística de gran interese para o municipio e para o cal solicitou a colaboración da Xunta.

Ao respecto, Ángeles Vázquez amosouse interesada nos detalles da actuación e trasladoulle que o seu departamento conta con programas de axudas para dar resposta ás necesidades de equipamentos e execución de actuacións urbanas nas vilas galegas. De feito, no mes de xaneiro saíu publicada no DOG unha nova orde de axudas, dotada con case 2,5 millóns de euros e destinada á creación ou mellora de infraestruturas urbanas en concellos de menos 50.000 habitantes, polo que animou ao rexedor de Cerdedo-Cotobade a presentarse á convocatoria con este proxecto.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es