CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente analiza co Concello de Narón a implantación da recollida selectiva da fracción orgánica no municipio

A conselleira Ángeles Vázquez e a rexedora Marián Ferreiro mantiveron unha reunión para abordar varios asuntos de interese para a entidade local

A Xunta ten aberto o prazo para que os concellos soliciten o chamado quinto contedor, destinado á recollida dos biorresiduos de orixe doméstica

  • Reunión entre Ángeles Vázquez e a alcaldesa de Narón

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, mantiveron unha reunión de traballo na que analizaron a próxima implantación dun sistema de recollida e tratamento da fracción orgánica dos residuos deste concello coruñés.

Neste sentido, a rexedora explicoulle que o seu equipo está tramitando un novo contrato do lixo no que se contemplará por primeira vez a recollida dos biorresiduos, é dicir, os restos de procedencia orgánica que se xeran no ámbito doméstico. A súa intención, segundo dixo, é adiantarse así ao prazo previsto na Lei de residuos do Estado para a implantación obrigatoria en todos os concellos da recollida separada deste tipo de residuos.

Ao respecto, Ángeles Vázquez aproveitou a xuntanza para trasladarlle á alcaldesa que o seu departamento conta con dúas liñas de axudas e de colaboración dirixidas ás entidades locais en materia de biorresiduos. Así, lembrou que en decembro convocouse unha orde de subvencións tanto para a implantación de puntos limpos móbiles, como para o desenvolvemento de proxectos de nova implantación da recollida separada da fracción orgánica.

Na mesma liña, tamén lle informou da convocatoria, aberta aínda ata o mes de marzo, para poder participar no reparto de preto de 5.000 contedores deseñados para a recollida selectiva de biorresiduos: o chamado quinto contedor.

Reducir o peso que ten na actualidade a fracción orgánica sobre o conxunto dos residuos que se xeran en Galicia –aproximadamente un 42% do total- é un dos grandes obxectivos que se marca a Xunta para poder cumprir cos mandatos europeos e estatais en materia de xestión de residuos.

Neste contexto enmárcanse todas as iniciativas e campañas impulsadas nos últimos anos desde a Consellería de Medio Ambiente co fin de colaborar cos concellos na implantación progresiva de sistemas para a recollida selectiva e o posterior tratamento da fracción orgánica dos residuos domésticos.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es