CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Melide súmase á campaña de compostaxe doméstica da Consellería de Medio Ambiente para reducir a carga orgánica dos residuos

Desde a posta en marcha deste programa, Sogama repartiu xa máis de 8.200 composteiros entre un total de 241 entidades locais, colexios e colectivos sociais

A conselleira Ángeles Vázquez salienta o compromiso deste concello e dos seus veciños coa reciclaxe, a economía circular e o coidado do medio ambiente

Lembra que a través da recuperación de materiais para a súa reutilización contribúese a loitar contra o cambio climático e enmarca neste obxectivo a nova bonificación dun 10% do canon de Sogama para aqueles concellos que, como o de Melide, decidan asumir o compromiso de reciclar máis ao longo deste ano

Melide, 8 de febreiro de 2019.- O Concello de Melide sumarase ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama para o tratamento dos residuos orgánicos. Así o avanzou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dun acto sobre reciclaxe celebrado neste concello coruñés, ao que felicitou polo seu compromiso co coidado do medio ambiente e a súa aposta por promover e concienciar á poboación para unha xestión eficaz dos seus residuos urbanos.

Tras salientar a importancia de darlle un tratamento axeitado á materia orgánica co obxectivo de reducir o seu peso no conxunto total dos residuos urbanos, Vázquez Mejuto enmarcou nesta liña a campaña de compostaxe doméstica posta en marcha por Sogama, que xa conta con 214 entidades adheridas –entre concellos, centros educativos e colectivos sociais- e no marco da cal repartíronse ata o momento máis de 8.200 composteiros.

O Concello de Melide volve demostrar deste xeito a súa implicación en materia de reciclaxe e tratamento de residuos, xa que, como resaltou a conselleira, son moitas as iniciativas e campañas impulsadas polo seu departamento nas que ten participado activamente.

En concreto, referiuse á campaña Horeca, realizada o ano pasado en colaboración con Ecovidrio e 75 hostaleiros do municipio; á impulsada tamén co apoio de Ecoembes co obxecto de fomentar a recuperación de envases lixeiros; á iniciativa Camiño da reciclaxe, na que participaron en 2018 un total de nove albergues de Melide; e aos programas Recíclate con Sogama e Pilabot que se están a desenvolver en centros escolares deste concello co obxectivo de sensibilizar ás novas xeración na cultura da reciclaxe.

Así mesmo, tamén se referiu á iniciativa do Concello de Melide presentada o pasado mes de outubro para a posta en marcha dun servizo municipal de recollida porta a porta de papel e cartón polos establecementos comerciais da vila.

Todas estas medidas demostran, en opinión de Ángeles Vázquez, o compromiso deste concello coruñés, dos seus veciños e do seu tecido empresarial coa protección do medio ambiente, a reciclaxe e a economía circular.

Nesta liña, a conselleira enmarcou a decisión da Xunta de bonificar nun 10% o canon de Sogama daqueles concellos que se comprometan a incrementar as taxas de reciclaxe ao longo deste ano, no obxectivo común de axudar a coidar do noso entorno e reducir á vez o recibo do lixo que pagan os cidadáns. Por iso, felicitou ao Concello de Melide pola súa decisión de sumarse a esta iniciativa e comprometerse a levar a cabo máis accións para reducir a produción de residuos e fomentar a reciclaxe co fin de repercutir este ano esa rebaixa do canon de Sogama no recibo dos seus veciños.

Reciclaxe, unha das patas da economía circular

Así mesmo, a responsable galega de Medio Ambiente aproveitou a súa intervención para poñer en valor a importancia de concienciar e fomentar entre a sociedade en xeral o hábito da reciclaxe, unha práctica moi beneficiosa para a natureza e unha das pezas clave na loita contra o cambio climático.

Neste sentido, incidiu en que reciclar e recuperar materiais xa usados é unha das catro patas da chamada economía circular, que avoga por converter os residuos en novos produtos e facilitarlles así unha segunda vida útil coa súa reintrodución na cadea produtiva. Así, salientou que a través da reciclaxe evítase a proliferación de puntos de vertido incontrolado, redúcese o ritmo de extracción de materias primas da natureza, minimízanse as emisións de CO2 e mesmo se pode reducir o recibo polo servizo de recollida de lixo, con medidas como a bonificación do canon de Sogama que levará a cabo a Xunta este ano.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es