CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Aprobado por unanimidade o protocolo de actuacións proposto pola Xunta para o control da presenza do xabaril en zonas periurbanas de Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, reclama a implicación de todas as administracións para garantir a eficacia das medidas e convida ao Concello de Lugo a cofinanciar as accións propostas

Nos vindeiros días, coa supervisión do persoal da Consellería de Medio Ambiente, instalaranse as gaiolas para a captura dos exemplares e, de ser ocaso, organizaranse agardas nocturnas asistidas por arqueiros profesionais

  • Balseiro presidiu a Comisión de desenvolvemento en Lugo

Lugo, 12 de febreiro de 2019.- A Comisión de desenvolvemento do primeiro plan para o control da presenza do xabaril en zonas periurbanas e urbanas da cidade de Lugo aprobou, por unanimidade, o protocolo que recolle as distintas accións a desenvolver nas próximas semanas.

No encontro, presidido polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Margarita López, estaban tamén presentes representantes de distintos departamentos da administración autonómica (Medio Ambiente, Axencia Galega de Infraestruturas, Servizo de Emerxencias), do Concello de Lugo (tenente de alcalde e Protección Civil), das Forzas e Corpos de Seguridade (Seprona, Garda Civil de Tráfico), sindicatos agrarios e integrantes dos tecores.

Convida ao Concello a cofinanciar as accións

Balseiro aclarou que a posta en marcha do plan retrasouse pola tardanza en acometer as rozas nas parcelas que os técnicos identificaron e localizaron nos planos das aforas da cidade como espazos de refuxio dos xabarís. Así por exemplo, explicou que o Concello de Lugo, a data de hoxe, tan só ten realizados en torno ao 30% das limpezas forestais comprometidas nestas parcelas.

“Se queremos que as medidas sexan efectivas necesitamos a implicación de todas as administracións, en particular do Concello” –dixo Balseiro- aos que incluso convidou a cofinanciar as accións propostas, “como por exemplo coa compra de novas gaiolas”

Próximas medidas a desenvolver

Precisamente a instalación das gaiolas será a seguinte das medidas a executar, “nos próximos días, tan pronto contemos coas autorizacións de Concello e de Deputación, administracións propietarias das parcelas, procederemos a instalalas”. Colocaranse en lugares de paso desta especie “escollidos coa máxima discreción, porque de coñecerse as localizacións a presenza de curiosos pode escorrentar as manadas”

O protocolo tamén establece, como medida complementaria, a adoptar en función da efectividade das gaiolas, a posible utilización de arqueiros profesionais que se encargarán de realizar agardas nocturnas. O uso deste método de caza, moito máis seguro e rápido, evita o emprego de armas de fogo durante a noite e que os propios xabarís se dispersen cos disparos. Os arqueiros estarán apoiados polas forzas de seguridade para evitar problemas coa incursión de animais nas vías de comunicación.

Tanto a instalación das gaiolas como a posible organización das agardas contarán en todo momento coa supervisión e control de persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Plan piloto, proporcional e respectuoso cunha especie allea á zona urbana

Balseiro insiste na responsabilidade coa que a Xunta ten deseñado este protocolo, que terá un carácter experimental e piloto, xa que, unha vez probada a súa eficacia, podería estenderse a outros puntos da comunidade, onde teñen lugar incursións de xabarís en zonas urbanas.

“Sempre buscamos as mellores solucións a este problema, tendo en conta que o noso obxectivo é causar o menor sufrimento aos animais e por iso apostamos por modalidades que eviten esta situación e por medidas son proporcionais, escalonadas e respectuosas con esta especie cinexética que é impropia do medio urbano”.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es