CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente colaborará na humanización das rúas Bienvenido Arias e da Cooperativa no Concello de Larouco

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Larouco asinaron un convenio de colaboración que recolle un investimento de 75.000 euros para a execución desta melloras no sistema viario

Tras a sinatura do convenio, poderá licitarse antes do verán o contrato das obras, que terán un prazo medio de execución dun mes

  • Medio Ambiente colaborará na humanización das rúas Bienvenido Arias e da Cooperativa no Concello de Larouco
  • Medio Ambiente colaborará na humanización das rúas Bienvenido Arias e da Cooperativa no Concello de Larouco

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Larouco nunha actuación para mellorar dúas rúas do Concello, como son o viario Bienvenido Arias a Rúa da Cooperativa.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde de Larouco, Joaquín Bautista Prieto, co que hoxe asinou un convenio de colaboración para a humanización destas dúas rías. Tal e como establece o convenio a Xunta aportará un 70% do custo estimado da obra -é dicir, 52.500 euros- e o 30% restante -22.500 euros- correrá a cargo do propio concello.

O obxecto do convenio é definir as actuacións necesarias para levar a cabo obras de humanización e mellora da infraestrutura das rúas Bienvenido Arias e da Cooperativa e a rehabilitación de estes espazos públicos, coa finalidade de mellorar os servizos públicos e a calidade da vía que garanta o benestar á poboación rural.

Así, mellorarase e arranxarse o asfaltado de ambas rúas, colocarase mobiliario urbano e nova sinalización horizontal, como as marcas viarias e os pasos de peóns. No conxunto das dúas rúas intervirase nunha superficie de case 2.000 m2.

A conselleira de Medio Ambiente indicoulle ao alcalde de Larouco que coa sinatura do convenio será posible a licitación das obras antes do verán, para as que se prevé un prazo de execución dun mes, ao que engadiu que, sendo rigoroso cos prazos, esta actuación poderá ser unha realidade este mesmo ano.

Recordou que esta actuación enmárcase dentro do chamado Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións coma a comprometida hoxe co alcalde de Larouco, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos.

De feito, grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es