CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente investirá case 90.000 euros en dous proxectos para a humanización de rúas nos concellos de Tordoia e Trazo

A conselleira Ángeles Vázquez asinou senllos convenios de colaboración cos rexedores destes municipios nos que se comprometen a cofinanciar as obras

A intervención no municipio de Tordoia consistirá na pavimentación e sinalización da rúa da Igrexa da Vila de Abade, mentres que no caso de Trazo acometerase a rede de abastecemento ata o lugar de Cambel de Abaixo e a reposición do firme dos camiños municipais polos que discorrerá a tubaxe

  • Ángeles Vázquez, coa alcaldesa de Tordoia
  • Ángeles Vázquez, co alcalde de Trazo

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará cos concellos coruñeses de Tordoia e Trazo na execución de dúas actuacións de acondicionamento e mellora de espazos públicos para uso común. Así o comprometeu a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen asinou senllos convenios de colaboración cos rexedores de ambos municipios mediante os cales o seu departamento investirá case 90.000 euros nas dúas actuacións, o 70% do seu custo estimado total.

Concretamente, a intervención prevista no Concello de Tordoia ten como obxectivo humanizar a rúa da Igrexa da Vila de Abade a través da pavimentación da calzada e do aparcamento e da construción de dous muros de contención de formigón armado. Así mesmo, o proxecto tamén prevé acometer a sinalización horizontal deste espazo e completala co pintado de liñas horizontais de aparcamento e a colocación de varandas de protección.

O custo total estimado para esta actuación ascende a 89.537,07 euros, dos cales a Consellería de Medio Ambiente achegará 62.675,95 euros. Unha vez contratadas as obras, o prazo de execución previsto é de seis meses polo que a humanización da rúa podería estar rematada este mesmo ano.

Polo que respecta ao convenio co Concello de Trazo, as actuacións comprometidas teñen como fin completar a rede de abastecemento municipal para levala ata o lugar de Cambel de Abaixo, na parroquia de Xavestre, unha zona que recibe auga potable na actualidade a través da rede de Cambel de Arriba. Para dotala dunha infraestrutura propia, o proxecto contempla a execución de desaugamentos e válvulas de corte así como a instalación dun hidrante para o servizo de bombeiros. Así mesmo, tamén está previsto acometer a reposición do firme dos camiños municipais por onde transcorre a tubaxe.

O convenio asinado contempla para estas obras un investimento total de 38.986,14 euros, dos cales o departamento que dirixe Ángeles Vázquez achegará o 70% -é dicir, 27.290,30 euros-. Unha vez contratadas, terán un prazo de execución de dous meses, polo que poderían estar rematadas e xa en servizo este mesmo ano.

Balance do Plan Hurbe

Estas actuacións enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións coma as comprometidas hoxe nos concellos de Tordoia e Trazo, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e garanten o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos básicos para a cidadanía.

De feito, grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Consellería de Medio Ambiente actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es