CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente licitará este mes por 400.000 euros as obras de mellora e humanización nos concellos de Frades, O Pino e Touro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os rexedores municipais asinaron senllos convenios de colaboración

As tres actuacións prevén prazos de execución que non superan os seis meses

Trátase de proxectos que se executan ao abeiro do Plan hUrbe, para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común

  • A conselleira de Medio Ambiente reuniuse co alcalde de O Pino
  • A conselleira de Medio Ambiente reuniuse co alcalde de Touro
  • A conselleira de Medio Ambiente reuniuse co alcalde de Frades

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé licitar en marzo por 400.000 euros as obras de mellora e humanización nos concellos de Frades, O Pino e Touro.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos rexedores municipais da cada un dos concellos, cos que vén de asinar senllos convenios de colaboración, nos que a Xunta aporta un 70% en cada caso e a porcentaxe restante é asumida por cada administración local. A conselleira recordou que se trata de tres proxectos que teñen un prazo de execución que non supera os seis meses.

Ángeles Vázquez destacou que as actuacións que recollen os tres convenios asinados hoxe enmárcase dentro do chamado Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos.

De feito, grazas a este programa xa se executaron 200 intervencións nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Humanización na contorna do Centro de saúde

O convenio asinado co Concello de Frades permitirá a humanización da contorna do Centro de saúde de Abellá, onde se prevé a reformulación dos peches e muros actuais e ordenando a zona, tanto as partes axardinadas coma as pavimentadas. Co obxectivo de acadar unha contorna máis agradable tamén se prevé o soterramento das liñas aéreas e por último substituirase as luminarias actuais por unhas novas con tecnoloxía LED. O importe que recolle o convenio ascende a case 125.000 euros, que asumiran ambas administracións.

Novos servizos medio ambientais no Pino

O convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello do Pino tenn por obxecto a instalación de catro illas de contedores soterrados, para facilitar a separación de residuos aos cidadáns. Esta medida responde á necesidade de facilitar equipamentos e servizos aos veciños, ao tempo que se evitan os impactos visuais que provocan este tipo de instalacións nas rúas que se ubican. Os traballos de implantación esixirán a demolición do pavimento, pero- unha vez instalados- reporase o pavimento e os servizos afectados durante a execución das obras.

O importe que fixa o convenio para realización desta actuación, que prevé un prazo de execución de seis meses, ascende a 215.000 euros, dos cales un 70% polo Goberno galego.

Evitar asolagamentos en Fonte Díaz

A actuación que se levará a cabo no Concello de Touro pretende evitar os asolagamentos que se producen na actualidade debido aos problemas de canalización que se rexistran na localidade de Fonte Díaz.

Asemade as obras obxecto deste convenio completarán outra actuación prevista na rúa Ramón Cabanillas e duplicará a canalización do rego do Portopego, co fin de solucionar as problemas de enchentes existentes e mellorando as condicións de drenaxe. Tamén se instalarán arquetas de acceso á canalización para as oportunas operacións de mantemento e rematarase coa reposición da pavimentación afectada no transcurso da obra. Asemade, darase continuidade ao itinerario peonil xa existente. O importe deste convenio ascende a preto de 60.000 euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es