CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura despide á cría de lobo mariño cinsento 'Barizo' para a súa solta no Gran Sol

Este exemplar permaneceu no centro un mes para pasar a última fase da súa recuperación antes de volver ao mar

A atención recibida durante a súa estancia permitiu que pasase dos 23 quilos que pesaba á súa chegada aos 30 quilos que pesa agora

Santiago, 7 de marzo de 2019.- O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, despide mañá ao lobo mariño cinsento Barizo, que iniciará desde Vigo a súa viaxe cara a augas do Gran Sol, onde será liberado tras a última fase da súa recuperación no centro. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2013 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para a recuperación destes animais e doutras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

A cría de lobo mariño cinsento permaneceu un mes no Igafa para a última fase da súa recuperación e a mellora experimentada permite que poida ser devolto xa ao medio mariño. O arrastreiro Patricia Marta, con base en Vigo, será o encargado de embarcar a Barizo para trasladalo a augas do norte do Gran Sol, onde se procederá á súa liberación en augas internacionais.

O animal apareceu varado nas costas de Malpica o pasado 6 de xaneiro e foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario da Cemma, en Nigrán, tras comprobar que presentaba síntomas de desnutrición e afección respiratoria. Tras unha evolución favorable, mellorar o seu estado e comezar a alimentarse por si mesmo, foi trasladado ao Igafa para continuar coa súa recuperación.

Cando Barizo chegou ao centro dependente da Consellería do Mar tiña 110 centímetros de lonxitude e 23 quilos de peso. A custodia e atención ofrecidas polo profesorado e alumnado do centro permitiron que este lobo mariño acadase os 30 quilos, co que se considera que xa está rehabilitado e apto para volver ao mar.

Cabe lembrar que o Igafa xa ten participado na recuperación de oito exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016, 2017 e 2018. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es