CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ángeles Vázquez eloxia o papel dinamizador das mulleres no rural e resalta a súa contribución cara a unha igualdade real

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe nun acto promovido pola cooperativa CLUN en Melide con motivo do Día Internacional da Muller

Melide (A Coruña), 8 de marzo de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor esta mañá o papel clave e dinamizador que xogan as mulleres no medio rural galego e a súa contribución cara ao obxectivo de acadar unha igualdade real na comunidade. Durante un acto organizado en Melide con motivo do Día Internacional da Muller, Vázquez Mejuto referiuse ás “múltiples funcións” que desempeñan no rural, onde actúan como un “auténtico eixo dinamizador e un elemento estratéxico para o crecemento económico” destas zonas.

Neste sentido, a responsable de Medio Ambiente referiuse ao peso cada vez maior que teñen as mulleres neste eido e, particularmente, nas iniciativas empresariais vencelladas ao campo. Así, indicou que o 54% dos negocios que se poñen en marcha nestes momentos no medio rural están promovidos por emprendedoras e que máis da metade das explotacións agrarias existentes en Galicia teñen xa como titular a unha muller.

No transcurso da xornada, promovida polo colectivo Mulleres de seu, que aglutina ás socias da cooperativa láctea CLUN, Ángeles Vázquez tivo unha referencia especial para esas empresarias rurais que coa súa aposta pola innovación e a exploración de novos nichos de mercado desenvolven un traballo imprescindible para a “modernización e valoración” do entorno no que escolleron traballar. Por iso e co obxectivo de seguir avanzando cara a unha igualdade efectiva entre homes e mulleres no rural galego, a conselleira garantiulles o apoio da Xunta a través de políticas que fomenten a conciliación laboral e familiar, o emprendemento feminino e a modernización das explotación a través das novas tecnoloxías.

No acto tamén participou a secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella, quen nunha xornada tan sinalada como o Día Internacional da Muller apuntou que Galicia non se entendería sen o seu rural e sen as súas mulleres. “Desexo e quero que os 365 días do ano sexan 365 días pola Igualdade”, destacou a responsable de Igualdade do Goberno galego.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es