CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Aberto o prazo de inscrición na XIV Xornada para profesionais do sector turístico no Parque Nacional das Illas Atlánticas

A actividade divulgativa, que terá lugar o vindeiro 4 de abril, pretende facilitar aos asistentes ferramentas e recursos para facilitar aos futuros visitantes toda a información o máis actualizada posible sobre o parque

O encontro representa unha oportunidade para sumar esforzos a prol da información, divulgación e posta en valor do patrimonio natural galego e en concreto deste parque nacional, que conta con diversos galardóns que avalan o seu atractivo turístico
 

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Parque Nacional Illas Atlánticas, celebra a vindeira semana a XIV edición das Xornadas para os profesionais do sector turístico nas que se abordará, entre outros temas, o potencial das Illas Atlánticas como espazo imán capaz de atraer visitantes cara a outros enclaves da contorna e aproveitar así as sinerxías entre diferentes puntos de interese turístico.

A xornada desenvolverase en dúas partes, polo que a teórica celebrarase no Auditorio do Centro Social do Mar (Bueu) , mentres que a práctica (se a meteoroloxía acompaña) na Illa de Ons. Esta xornada está dirixida aos técnicos, informadores e guías turísticos que co seu traballo contribúen a divulgar o extenso patrimonio natural de Galicia.

Os participantes recibirán formación teórica e práctica para acadar novas ferramentas e recursos e ofrecer aos visitantes información útil, precisa e actualizada sobre os valores tanto naturais como culturais do parque. Outro dos puntos fundamentais que se abordarán neste encontro é o novo Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional, que entrou en vigor este mesmo ano. Asemade, poderán coñecer os servizos de atención ao público dos que dispoñen as Illas Atlánticas, a normativa pola que se rexen e o seu sistema de xestión buscando sempre a excelencia ambiental e a sustentabilidade.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse ata o vindeiro 24 de marzo e poderán formalizar a súa inscrición coa presentación do formulario de solicitude que se pode descargar no seguinte enderezo: http://www.parquenacionalillasatlanticas.com (Actividades/actividades divulgativas e formativas).

Dende a Consellería de Medio Ambiente destácase que esta xornada supón un esforzo máis por divulgar e promover o patrimonio natural galego e, en concreto, os valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas que, xunto cos outros seis parques de Galicia, forma parte dos 17 espazos imán recollidos no Plan de promoción e posta en valor do Patrimonio Natural galego e que se asenta sobre os seguintes eixes de actuación: posta en valor do patrimonio natural, a promoción, a comunicación e a educación ambiental e a divulgación dos recursos naturais de Galicia.

Así, os profesionais do sector terán ocasión de coñecer os aspectos máis salientables relacionados co Parque Nacional das Illas Atlánticas, o único parque nacional coa que conta a Comunidade galega.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es