CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Meteogalicia invita á sociedade a coñecer o radar de Monte Xesteiras en Cuntis para celebrar o Día Meteorolóxico Mundial

Tamén se organizan visitas ás instalacións de Meteogalicia e á Estación de calidade do aire de San Caetano, para achegar as redes de observación e os sistemas de predición que empregan os meteorólogos á sociedade en xeral

Persoal técnico do departamento meteorolóxico da Xunta encargaranse de explicar os procedementos que utilizan para a recollida de datos e a elaboración dos prognósticos

Todas as actividades serán de balde e abertas ao público en xeral, que deberán inscribirse na actividade do seu interese a través do email: administracion.meteogalicia@xunta.gal
 

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019.- Con motivo do Día Meteorolóxico Mundial -que se celebra o vindeiro 23 de marzo-, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organiza unha serie de actividades coas que achegar esta ciencia e o seu traballo á sociedade. Así, o vindeiro 22 de marzo as persoas interesadas en coñecer o funcionamento dun radar meteorolóxico poderán visitar o instalado en Monte Xesteiras no Concello de Cuntis.

Este aparello, operativo desde decembro de 2010, permite obter información en tempo real para previr riscos naturais ou actuar en condicións de climatoloxía adversa. A capacidade para detección do radar chega aos 250 kms de radio, podendo chegar a 300 para sistemas de gran desenvolvemento colectivo. Os datos rexistrados polo radar son enviados en tempo real á sede de Meteogalicia que os emprega para o seguimento dos fenómenos adversos.

Asemade, a sede de Meteogalicia tamén abrirá as súas portas para acoller ás persoas interesadas en saber como se elabora unha predición meteorolóxica, os aparellos de medición e os sistemas de predición que se empregan.... como é un día a día dos traballadores e técnicos do departamento de meteorolóxico da Xunta; que tamén se achegarán ata a Estación de calidade do aire en San Caetano, para dar conta de como funcionan ditos dispositivos, como se realizan as medicións e a información que reportan.

O lema seleccionado pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) para conmemorar esta celebración é O Sol, a Terra e o tempo, polo que a Xunta de Galicia súmase a esta celebración abrindo as portas dos departamentos en materia de meteoroloxía. O obxectivo destas actividades, de balde e dirixidas ao público en xeral, é achegar á sociedade galega a importancia da meteoroloxía e os seus sistemas de predición.

Na seguinte táboa resúmense os horarios e as actividades organizadas para o vindeiro venres, 22 de marzo, co fin de conmemorar o Día Meteorolóxico Mundial (23 de marzo):

Sede Meteogalicia
 
 
Santiago
(Rúa Roma,nº6)

Quendas mañá: 10:00 - 12:00 e 12:30 – 14:30

Quendas tarde: 17:00 - 18:00 e 18:00 – 19:00.

Lanzamento globo sonda
Santiago
(Rúa Roma,nº6)

A partir das 12:00 horas, fóra das instalacións de Meteogalicia.

*Estación calidade do aire San Caetano

Parque San Caetano. Avda. do Camiño Francés

Quenda mañá: 11:00 – 11:30
Quendas tarde: 17:00 - 18:00

*Radar meteorolóxico de Monte Xesteiras

Cuntis

(Latitude: 42.6757, Lonxitude: -8.5865)

Ás 17:00 horas. Os interesados deberán desprazarse polo seus propios medios ata o radas

*En caso de situación meteorolóxica adversa esta actividade será cancelada.

Todas as persoas interesadas en participar nas actividades organizada por Meteogalicia deberán inscribirse antes do 21 de marzo ás 12:00 horas, a través do correo electrónico: administracion.meteogalicia@xunta.gal indicando necesariamente: nome da/das actividade/actividades, nome da persoa, quenda de preferencia, correo electrónico e número de teléfono, para a confirmación por parte de Meteogalicia.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es