CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil en espazos naturais

A Xunta ten en marcha unha nova edición do proxecto ‘Lewo’, que ofrece dez destinos en Galicia entre os meses de marzo e xuño

Lugo, 13 de marzo de 2019.- A Xunta ten aberto o prazo de inscrición para participar un ano máis no proxecto Life Evergreen with Volunteers (Lewo), aprobado ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea. Esta iniciativa, posta en marcha a través das direccións xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado e a de Patrimonio Natural, busca potenciar o patrimonio natural da comunidade ao promover tarefas de voluntariado ambiental en diferentes zonas de Galicia.

Na provincia de Lugo, a programación inclúe actividades de preservación e conservación nos Ancares, área declarada reserva da biosfera, os días 17, 18, 19 e 20 de abril –Semana Santa-. O número máximo de participantes será dunha vintena de mozos e mozas galegos, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

Os asistentes terán cuberto o desprazamento, manutención, aloxamento en habitacións de uso múltiple, seguros e actividades formativas.

O obxectivo deste programa é fomentar o respecto polo rico patrimonio natural de Galicia a través da creación dun grupo de xuventude voluntaria formado por 300 mozos e mozas. En concreto, os participantes neste proxecto levarán a cabo actividade de limpeza, sinalización, catalogación de flora e fauna, loita contra especies exóticas prexudiciais para os hábitats, así como obradoiros didácticos e de sensibilización ou actividades de ocio educativo.

Os espazos naturais que serán este ano obxecto deste proxecto, ademais dos Ancares, son o parque natural das Fragas do Eume, Reserva da Biosfera Fragas do Mandeo, Parque natural do complexo dunar de Corrubedo, Illa de Sálvora, Parque natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, Illa de Cortegada, Illa de Ons, Illas Cíes e Parque natural Serra da Enciña da Lastra.

Toda a información das datas e características das actividades poden consultarse na páxina web de Voluntariado galego.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es