CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta ampliará o período hábil de caza de xabaril na vindeira tempada

A directora xeral de Patrimonio Natural propuxo esta mañá na reunión do Comité Galego de Caza esta iniciativa, que contou co consenso dos participantes

Así a tempada hábil para esta especie estenderase dende o 24 de agosto ata o 29 de febreiro de 2020, mantendo os xoves, sábados, domingos e festivos como xornadas hábiles

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2019.- A vindeira tempada ampliarase en case un mes o período hábil para a caza de xabarís. Esta foi unha das decisións aprobadas esta mañá na reunión do Comité Galego de Caza, presidido pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen trasladou aos presentes a preocupación xerada polo xabaril no territorio galego polos danos causados para agricultores e gandeiros, os accidentes de tráfico e á vista da evolución da pesta porcina africana en Europa.

A iniciativa de prolongar o período hábil para esta especie trátase dunha proposta trasladada polos catro Comités Provinciais de Caza e que contou co consenso dos representantes do sector na reunión, debido á sobreabundancia da especie; polo que a vindeira tempada dará comezo o 24 de agosto de 2019 e rematará o 29 de febreiro de 2020. Non obstante, os xoves, sábados, domingos e festivos seguen a manterse como xornadas hábiles para a caza.

A directora xeral explicou que esta decisión é acorde ao proposto en tempadas anteriores, nas que tamén se ampliou o período hábil de caza, como medida de control poboacional desta especie silvestre. Neste sentido, agradeceu a colaboración da Federación Galega de Caza por poñerse a disposición de todo o rural galego para facilitar as accións de caza do xabaril de forma sostible na comunidade.

Da mesma maneira, acordouse revisar, dacordo coa Lei de Caza, a xestión cinexética nos vedados de caza en época hábil para a captura exclusivamente do xabaril co fin de optimizar o esforzo de caza sobre o aproveitamento e o control desta especie.

Cómpre recordar que estas iniciativas forman parte da estratexia deseñada polo grupo de traballo interdisciplinar para o control de danos causados polo xabaril promovido desde a Consellería, na que tamén se recollen medidas como o emprego de novos métodos selectivos de captura ou a aposta por novas regulacións, como a próxima norma autonómica para o subministro e comercialización da carne de caza maior abatida en Galicia, cuxo proxecto de decreto vén de publicarse no portal de transparencia.

En definitiva, a ampliación do período hábil para a caza do xabaril e a xestión cinexética nos vedados de caza para esta especie supoñen un complemento importante ao paquete de axudas, tanto para a prevención como para paliar os danos ocasionados por esta especie, publicadas pola Consellería de Medio Ambiente para este ano co obxectivo de minorar os danos ocasionados nas explotacións agrarias.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es