CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O DOG publica hoxe a orde de aprobación do primeiro Plan xeral de Quiroga, que rexerá o seu urbanismo durante os próximos 12 anos

Este concello lucense convértese no municipio 101 en contar cun PXOM adaptado e acorde ao marco normativo urbanístico vixente en Galicia

O novo PXOM multiplica por tres a superficie que por lei se debe reservar para espazos libres, zonas verdes e para equipamentos comunitarios
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2019-. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Quiroga (Lugo), un documento que virá substituír e actualizar as normas básicas municipais que rexían neste concello desde o ano 1995.

Este anuncio pon fin a 13 anos de traballo e supón un importante paso de cara á entrada en vigor do planeamento, que converterá a Quiroga no municipio 101 en ter un PXOM adaptado e acorde á normativa urbanística vixente. Tras a publicación da orde de aprobación no DOG, os únicos trámites pendentes para a súa entrada en vigor correspóndenlle ao concello, que deberá publicar a normativa e as ordenanzas do plan no Boletín Oficial da Provincia e inscribilo despois no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

O novo PXOM ofrecerá un novo marco legal para dar resposta á situación concreta deste concello lucense, outorgándolle a seguridade xurídica necesaria para o seu desenvolvemento urbanístico durante os 12 anos de vixencia para os que foi deseñado e garantindo a coherencia entre a realidade territorial e o crecemento sostible do termo municipal.

Durante o proceso de redacción do planeamento estudouse en detalle a totalidade da superficie do municipio, organizado en torno a 22 parroquias nas que residen máis de 3.200 veciños. Son, en total, case 320 quilómetros cadrados nos que o solo maioritario é de carácter rústico (un 99,07% do territorio), seguido polo de núcleo rural (un 0,61%), o solo urbano (un 0,29%) e, por último, o solo urbanizable (un 0,03%).

Así mesmo, o documento multiplica por tres a superficie que por lei se debe reservar para espazos libres e zonas verdes, así como para equipamentos comunitarios. Deste xeito, no PXOM de Quiroga prevense un total de 403.534 metros cadrados para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, case tres veces máis do legalmente esixido; e 160.685 metros cadrados para o sistema xeral de equipamento comunitario, máis do triplo do que contempla a Lei do solo.

En canto á capacidade residencial, o plan xeral prevé un crecemento máximo nos próximos 12 anos de 1.800 vivendas, que se sumarán ás máis de 3.000 que xa están inventariadas na actualidade.

Ningún concello sen PXOM

Coa aprobación definitiva do PXOM de Quiroga mediante a orde asinada o pasado 22 de marzo pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, son xa un total de 101 os municipios con planeamento adaptado, dos cales 71 foron aprobados polo actual Goberno galego desde o ano 2009 e 13 só na actual lexislatura.

Estas cifras reflicten o traballo realizado pola Xunta na última década co fin de acadar o obxectivo de “ningún concello sen PXOM”, ao que tamén se suman outro tipo de medidas para garantir o crecemento sostible e ordenado de Galicia, como a aprobación do Plan Básico Autonómico -o instrumento máis recente-, a Lei do Solo e o regulamento que a desenvolve, o Plan de Ordenación do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio ou a Estratexia da Paisaxe Galega.

Nos próximos meses os esforzos centraranse en aprobar os primeiros Plans Básicos Municipais, para dotar aos concellos de menos de 5.000 habitantes dunha ordenación urbanística básica, e na tramitación da nova Lei de Ordenación do Territorio, que se prevé remitir ao Parlamento este mesmo ano para a súa aprobación.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es