CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente salienta que a conciencia ambiental das xeracións máis novas é a clave para o coidado e a conservación da biodiversidade

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que o Goberno galego puxo en marcha e colabora en diferentes iniciativas formativas, para incidir en cuestións como non abandonar lixo nos bosques ou reciclar e separar os residuos de xeito correcto

Vázquez Mejuto tamén fixo referencia ao marco normativo sobre esta materia e salienta o traballo da Xunta para acadar en 2019 importantes fitos, como a aprobación da nova Lei de Patrimonio Natural e dos plans reitores de uso e xestión dos seis parque naturais presentes na Comunidade
 

  • A conselleira de Medio Ambiente, hoxe, en Pazos de Borbén
  • A conselleira de Medio Ambiente, hoxe, en Pazos de Borbén
  • A conselleira de Medio Ambiente, hoxe, en Pazos de Borbén

Pazos de Borbén (Pontevedra), 22 de marzo de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a concienciación ambiental das xeracións máis novas é a clave para o coidado e a conservación da contorna natural e da biodiversidade. A conselleira de Medio Ambiente participou esta mañá nunha iniciativa de reforestación con especies autóctonas no monte veciñal de Cepeda, con motivo do Día Internacional dos Bosques, onde indicou que a totalidade da sociedade debe implicarse no coidado do medio ambiente, pero especialmente os máis mozos, xa que é preciso que as novas xeracións sexan xa respectuosas coa contorna e valoren o patrimonio natural para conseguir un mundo máis sostible.

Vázquez Mejuto incidiu en que a formación é a mellor prevención, pois así se acada o respecto necesario para garantir a conservación da riqueza natural de Galicia; e engadiu que o departamento que dirixe ten posto en marcha, e participado, en diferentes iniciativas, actividades e campañas para chegar aos máis novos. A modo de exemplo, no ano pasado máis de 3.000 alumnos galegos se achegaron ás instalacións de Meteogalicia, o referente galego en materia de meteoroloxía, aos que hai que engadir os máis de 8.000 que no curso 2017-2018 participaron nas Meteoescolas, e máis de 75.000 persoas coñeceron o funcionamento do complexo medio ambiental de Sogama, un modelo de referencia en materia de xestión de residuos.

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente mobilizará en 2019 un investimento de case 2,7 millóns de euros en campañas de educación e sensibilización ambiental para a axeitada xestión dos residuos e, en consecuencia, evitar que queden abandonados nos bosques, tal e como propón o Proxecto Libera, para a concienciación sobre a recollida do lixo nos espazos naturais e costeiros, ou a campaña Verdear é a actitude, para fomentar prácticas que reduzan a xeración da contaminación.

Ángeles Vázquez defendeu que a aposta pola biodiversidade tamén precisa dun marco normativo que asente garantías de protección e conservación necesarias para os espazos naturais. Nese sentido, ao longo de 2019 se acadarán fitos importantes, como a aprobación na nova Lei de Patrimonio Natural, que busca acadar unha protección transversal do patrimonio natural galego e da súa biodiversidade, integrando os requisitos de conservación, uso sostible, mellora e restauración do patrimonio natural e a biodiversidade nas demais políticas sectoriais. O Goberno galego tamén está a traballar na tramitación necesaria para que os seis parques naturais presentes na Comunidade conten este ano cun plan reitor de xestión uso e xestión (Prux).
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es