CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente informará sobre como xestionar os residuos da construción a empresas e técnicos municipais das sete cidades

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez inicia hoxe en Ferrol unha rolda de xornadas co fin de dar a coñecer as competencias e funcións que teñen os concellos e o resto de axentes implicados no proceso de tratamento dos RCD

Ferrol (A Coruña), 22 de marzo de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organizará nos meses de marzo e abril sete xornadas informativas sobre a xestión dos residuos de construción e demolición (RCD) dirixidas a técnicos municipais implicados no proceso de tratamento destes residuos, responsables e técnicos de empresas relacionados co sector construtivo así como autónomos ou emprendedores do mesmo eido e, en xeral, calquera colectivo que estea interesado na xestión deste tipo de residuos.

A primeira das xornadas celebrouse hoxe no Centro de Innovación e Servizos de Galicia, en Ferrol, e enmárcase dentro das accións formativas e de traballo que contempla o Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), aprobado en 2016 como unha ferramenta de planificación en materia de prevención e xestión dos residuos de orixe industrial. Nun principio, está previsto organizar estas sesións informativas nas sete grandes cidades, co seguinte calendario:

 

SANTIAGO

28-03 Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

VIGO

01-04 Asociación de Construtores de Pontevedra

LUGO

02-04 Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC Lugo)

OURENSE

08-04 Centro Cultural Marcos Valcárcel

PONTEVEDRA

25-04 Asociación Provincial de Empresarios da Construción

A CORUÑA

25-04 Sede de APECCO

Con este tipo de eventos, o obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é achegar e dar a coñecer as competencias que teñen os concellos en materia de xestión de RCD e informar aos diferentes axentes implicados no proceso sobre cales son as súas funcións e responsabilidades, así como sobre o marco lexislativo aplicable e o que se consideran boas prácticas.

A xornada comezou cunha breve explicación sobre os obxectivos xerais do PRIGA e as principais actuacións e medidas que nel se recollen con relación ao tratamento dos RCD, un tipo de residuo industrial que abrangue aqueles orixinados na execución material dos traballos de construción, tanto de nova planta como de rehabilitación ou reparación, así como os derivados de operacións de desmontaxe, desmantelamento ou derribo de edificios e outras instalacións.

O programa tamén incluíu un repaso pola situación actual da xestión dos residuos de construción e demolición e a súa evolución nos últimos anos, atendendo aos aspectos legais da mesma e analizando as competencias que ten cada un dos axentes implicados no proceso e, particularmente, o papel dos concellos. Así mesmo, gran parte da xornada tivo un carácter eminentemente práctico, coa inclusión dun obradoiro participativo no que os asistentes intercambiaron impresións sobre as necesidades actuais na xestión dos RCD e abordaron aspectos tales como o establecemento dunha ordenanza xenérica, as plantas móbiles de tratamento ou a fiscalidade que se aplica na xestión destes residuos.

Por último, a sesión rematou coa intervención de dous ponentes -un representante da Asociación de Recicladores de Construción e Demolición (Arcodega) e outro, dunha das construtoras máis representativas da cidade- que expuxeron a súa experiencia particular e contaron que medidas de prevención para reducir a xeración destes residuos se están a adoptar por parte do sector así como as principais problemáticas ás que se enfrontan.

Todas as persoas interesadas en obter máis información sobre as xornadas de xestión de RCD previstas noutras cidades poden facer a súa consulta no teléfono 981 54 10 45 ou enviala ao enderezo electrónico residuos-priga.medio-ambiente@xunta.gal. Así mesmo, as inscricións para participar como asistentes nalgunha destas sesións deberán tramitarse no seguinte enlace.

Xornada en Lugo sobre agrorresiduos

Por outra banda, hoxe tamén se celebrou na sede da Confederación de Empresarios de Lugo a primeira das oito xornadas divulgativas programadas pola Consellería de Medio Ambiente de aquí ao mes de xuño sobre prevención en materia de residuos industriais.

O obxectivo destes encontros, tal e como subliñou durante a súa presentación a subdirectora de Residuos, Verónica Tellado, é avanzar na dinamización dos compromisos adquiridos no desenvolvemento do Plan de Residuos Industriais, tendo como obxectivo particular analizar a situación do sector en canto a produción de residuos, debater sobre os obxectivos de redución de residuos e a adecuación ás medidas previstas no PRIGA e coñecer algúns proxectos que se están a desenvolver en Galicia en materia de prevención.

Concretamente, a xornada celebrada en Lugo centrouse no tratamento dos chamados agrorresiduos, polo que entre os asistentes destacaban sobre todo axentes implicados na xestión e produción de residuos do sector agroalimentario. Así, a mesa de traballo durante a que se expuxeron experiencias, medidas a implementar e novos proxectos contou coa participación de dous profesores da Universidade de Santiago, procedentes dos departamentos de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da área de Agronomía e de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior, e con seis representantes de empresas, asociacións e xestores deste tipo de residuos, como Compost Galicia, Agroamb, CLUN ou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es