CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Sanidade seguirá a facilitar unha atención sanitaria personalizada aos veciños do Porriño afectados polos residuos de lindano

En base ás últimas analíticas, os expertos consideran que os niveis atopados non son clinicamente significativos, sendo os parámetros semellantes aos dos encontrados en estudos previos

Mantéñense as recomendacións de non consumir nin usar auga dos pozos, regatos ou fontes da zona para cociñar, aseo ou rego da horta e de non consumir produtos de animais criados nesas vivendas

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019.- “Dende a Consellería de Sanidade repetiremos as analíticas e as enquisas no último trimestre deste ano e seguiremos a facilitar unha atención sanitaria adecuada ás persoas da zona de Contrasto-Pereira”. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no pleno do Parlamento de Galicia, onde compareceu para informar das medidas realizadas polo seu departamento en relación á contaminación por lindano no concello do Porriño.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego lembrou que o pasado día un deste mes tivo lugar a segunda das reunións dos técnicos de Sanidade coas persoas afectadas, logo da primeira que se celebrara en xuño do pasado ano. Nas dúas xuntanzas foron entregados a cada un dos veciños os informes dos seus resultados, reiterándose as recomendacións de non consumir nin usar auga dos pozos, regatos ou fontes da zona para cociñar, aseo ou rego da horta, así como de non consumir produtos de animais criados nesas vivendas, nin produtos da horta, especialmente tubérculos.

Os expertos consideran, -informou Almuiña-, que os niveis atopados nas analíticas non son clinicamente significativos. Os parámetros, na súa maior parte, son semellantes aos atopados en estudos previos realizados en poboación xeral exposta e inferiores aos atopados en traballadores que estiveron expostos específicamente a este tipo de produtos, e non se relacionaron con consecuencias relevantes para a súa saúde. Aínda que non houbo variacións significativas nos resultados das dùas analíticas, obsérvase que hai unha diminución dos valores máis altos.

O conselleiro incidiu en que, nas dúas reunións, os resultados foron previamente comentados cos facultativos en xuntanzas celebradas no centro de saúde do Porriño e incorporados os resultados á historia clínica de cada persoa, lembrando Almuiña que se o médico de primaria o considera oportuno os afectados terán un acceso máis áxil ao especialista correspondente.

Ademais de atender e facer seguimento das persoas potencialmente expostas, o conselleiro de Sanidade dixo que a medida máis importante para evitar a exposición é eliminar os residuos nos solos afectados, sendo esta tarefa abordada dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es