CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente aproba o Plan Xeral da Teixeira, que pon o acento na ordenación do rural e na aposta pola rehabilitación

Ángeles Vázquez asinou hoxe a orde de aprobación definitiva dun documento que virá substituír e actualizar a ordenación vixente no concello, que data do ano 2001

Os obxectivos principais do novo PXOM son fomentar a ordenación e a mellora dos 34 núcleos rurais identificados no municipio, evitando así a degradación e a perda de construcións tradicionais e contribuíndo a fixar poboación
 

A Teixeira (Ourense), 15 de abril de 2019-. O Concello de A Teixeira xa ten un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) adaptado e acorde á normativa urbanística vixente. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da Teixeira, un trámite co que se pon fin ao traballo desenvolvido nos últimos 11 anos para dotar a este pequeno municipio ourensán dun marco legal moderno que substitúa á ordenación básica vixente desde o ano 2001 e contribúa ao desenvolvemento sostible do seu territorio.

Durante o acto de sinatura do PXOM xunto ao alcalde de A Teixeira, Antonio Cid, a responsable autonómica de Urbanismo subliñou que con este novo planeamento fomentarase a ordenación e a mellora dos 34 núcleos rurais identificados no municipio, onde o 97,5% do territorio está cualificado como solo rústico. Deste xeito, explicou que o documento se fixa entre os seus principais obxectivos evitar a degradación e a perda de construcións tradicionais incentivando a súa rehabilitación e favorecendo o uso e o aproveitamento do medio rural.

Na mesma liña e polo que respecta aos obxectivos en materia de vivenda, Ángeles Vázquez indicou que o novo planeamento prevé o desenvolvemento de novas edificacións, reservando un máximo de case 5.000 metros cadrados a uso residencial, pero incide principalmente na fixación de poboación pola vía de rehabilitar o xa construído e consolidar os núcleos existentes.

Máis alá das previsións referidas ao desenvolvemento dos núcleos rurais, o documento tamén propón a creación dun ámbito de solo urbanizable no que concentrar usos industriais e terciarios localizado ao sur do concello, entre o núcleo de Valilongo e o límite do termo municipal. Deste xeito, promóvese o desenvolvemento dunha área industrial ligada principalmente ao cultivo da vide e á comercialización de produtos vinícolas, un sector importante neste concello.

Tamén se pon en valor a explotación racional dos recursos naturais existentes en A Teixeira, apostando por aproveitar e desenvolver novas posibilidades como, por exemplo, a potenciación do turismo rural.

Así mesmo, resérvanse un total de 11.508,74 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes, un 3% máis do esixido legalmente; e outros 3.805,74 metros cadrados para equipamentos comunitarios, un 2,2% por riba da porcentaxe que fixa a lei.

Máis dun cento de concellos con PXOM adaptado

Coa aprobación definitiva do PXOM de A Teixeira son xa 102 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente en Galicia. 14 destes plans xerais foron aprobados no que vai de lexislatura.

Por último, Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos dez anos en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Neste sentido, referiuse á aprobación da Lei do Solo no ano 2016 e do regulamento que a desenvolve; á recente posta en marcha do Plan Básico Autonómico e dos futuros Plans Básicos Municipais, que empezarán a redactarse este mesmo ano; ou ao inicio da tramitación da Lei de Ordenación do Territorio, un texto que de cumprise as previsións do Goberno galego, levarase ao Parlamento en 2019.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es