CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A primeira Lei de rehabilitación de Galicia entrará en vigor o vindeiro 22 de maio

Un dos obxectivos desta primeira lei na Comunidade é a axilización de trámites para a recuperación de centros históricos e núcleos rurais e potenciar a rehabilitación aproveitando o patrimonio construído e respectando o carácter histórico

Búscase acadar unha Galicia máis atractiva para vivir, traballar e visitar, facilitando a recuperación do construído, fomentando a cultura da rehabilitación e impulsando a dinamización económica, social e demográfica, xa que non hai maior desprotección para unha edificación que o seu abandono

Entre as novidades destaca que é a primeira vez que se establece un réxime sancionador para loitar contra as pintadas en edificacións históricas e tamén se amplían os supostos para a concesión de licenzas directas por parte dos concellos, para fomentar a rehabilitación e simplificar os procesos

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira Lei de rehabilitación de Galicia, que entrará en vigor aos 20 días naturais da súa publicación no DOG, é dicir, o vindeiro 22 de maio.

Un dos obxectivos principais desta normativa é axilizar a tramitación para a recuperación de centros históricos e núcleos rurais. Esta é unha das principais novidades que recolle esta normativa, impulsada pola Xunta sendo consciente de que non hai maior desprotección dunha edificación que o seu abandono ou desuso, polo que se pretende incentivar e facilitar a rehabilitación, recuperando e aproveitando o xa construído e impulsando a cultura da rehabilitación.

O Goberno galego móstrase convencido de que con esta norma se habilita unha ferramenta para avanzar cara a unha Galicia máis atractiva para vivir, traballar e visitar, facilitando a recuperación do construído, fomentando a cultura da rehabilitación e impulsando a dinamización económica, social e demográfica, é dicir, compatibilizando a protección do patrimonio coas condicións de habitabilidade.

Crear unha cultura de rehabilitación é sinónimo de impulso á recuperación de centros históricos e núcleos rurais que se atopan degradados, co fin de convertelos en lugares de dinamización e revitalización económica e social; ao tempo que se conserva e protexe a paisaxe e se valora o xa construído e se reduce a presión urbanizadora sobre a contorna.

Tal e como se establece no seu articulado, a Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana de Galicia prevé tamén a simplificación dos trámites de intervención nas vivendas situadas nos Camiños de Santiago. Neste sentido, no caso de que se pretenda levar a cabo unha rehabilitación dun inmoble neste ámbito, concederase unha licenza directa, sempre que non afecte elementos especificamente protexidos. Estes supostos rexerán tamén nos núcleos rurais e urbanos con algún tipo de protección patrimonial.

Ademais, amplíanse os supostos de concesión de licencias directas por parte dos concellos, sen necesidade de contar coa autorización previa da Administración autonómica, para traballos como cambio de cuberta, actuacións en carpintarías exteriores, en fachadas ou no interior das edificacións, sempre que non afecten valores protexidos.

Outra das novidades que incorporará o texto é que por primeira vez se establece un réxime sancionador específico para loitar contra aquelas pintadas e graffiti que se produzan nas edificacións históricas ou ámbitos protexidos.

Rehabilitación e rexeneración urbana

A norma diferencia dous ámbitos de actuación: por unha banda, a rehabilitación edificatoria; e por outra, a rexeneración urbana. No primeiro caso, comprende as actuacións de recuperación de edificios deteriorados ou que non reúnan os requisitos básicos de funcionalidade, seguridade e a habitabilidade. Nese sentido, mantense a aposta polas áreas de rehabilitación integral para aquelas intervencións que afecten edificios e vivendas dun ámbito declarado, podendo preverse a urbanización dos seus espazos públicos.

En relación coa rexeneración urbana, refírese a actuacións que afectan tanto a edificios como tecidos urbanos, podendo chegar a incluír obras de nova edificación en substitución de inmobles previamente demolidos, procurando programas de actuación de carácter integral, con implicacións sociais e económicas.

Fomento da rehabilitación

A primeira Lei de rehabilitación de Galicia tamén estará acompañada dun paquete de medidas. Por unha banda, aquelas que axilizarán trámites, eliminación de trabas e coordinación administrativa.

A modo de exemplo, destaca a declaración de áreas Rexurbe, pensada para dar resposta á situación que presentan os ámbitos urbanos especialmente degradados que precisan dunha rápida intervención, tanto no plano edificatorio como no social, ambiental e económico; para o que se contará cun Centro Rexurbe, que tramite e coordine as actuacións de rehabilitación e dun Fondo Rexurbe para o financiamento dos proxectos de rehabilitación integral.

De feito, naqueles casos concretos de edificios ou conxuntos de edificios en que sexa necesario ou recomendable proceder a unha intervención inmediata, ábrese a posibilidade de declarar a utilidade pública e a urxente ocupación. Por outra banda, prevense medidas de carácter financeiro que determinarán os investimentos e fondos das administracións ás políticas de rehabilitación, as axudas financeiras e os incentivos indirectos, como as desgravacións fiscais.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es