CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Finaliza o proxecto europeo liderado pola Xunta para mellorar a xestión ambiental e o control das emisións industriais en Xeorxia

Durante os últimos 21 meses, Galicia estivo ao fronte da delegación española que colaborou co país caucásico nesta iniciativa de irmandamento, na que tamén participaron os gobernos da República Checa e dos Países Baixos

O proxecto, cun orzamento dun millón de euros, mobilizou a 87 expertos europeos e 32 funcionarios xeorxianos e incluíu visitas de estudo aos tres países que cooperaban como socios e 15 seminarios de formación

As autoridades europeas escolleron á comunidade galega para liderar o equipo en atención á eficacia e ao prestixio do seu sistema de inspección ambiental
 

  • As autoridades europeas escolleron á comunidade galega para liderar o equipo en atención á eficacia e ao prestixio do seu sistema de inspección ambiental

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2019.- A Xunta de Galicia acaba de rematar a súa participación no proxecto europeo de cooperación para a implantación de políticas de xestión medioambiental e control das emisións industriais en Xeorxia. Durante os últimos 21 meses, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou de forma activa nesta experiencia colaborativa para asistir ao Goberno xeorxiano no fortalecemento das súas capacidades á hora de implementar as directivas comunitarias sobre contaminación industrial, un dos compromisos previstos no acordo de asociación UE-Xeorxia.

Así, un grupo de representantes das administracións públicas de España, República Checa e Países Baixos –os tres países europeos participantes no proxecto- tutelou e asesorou ao Ministerio de Protección do Medio Ambiente e Agricultura de Xeorxia durante o desenvolvemento deste proxecto de irmandamento.

Cun orzamento global dun millón de euros, a iniciativa mobilizou durante os seus case dous anos de duración a un total de 87 expertos europeos que lle dedicaron á iniciativa máis de 419 xornadas de traballo. Así mesmo, 32 funcionarios xeorxianos tiveron ocasión de visitar os tres países que participaban como socios europeos –España, República Checa e Holanda- e dedicouse unha especial atención aos seminarios e actividades formativas, coa organización de 15 eventos deste tipo nos que participaron máis de 245 persoas.

Durante todo o proxecto, estivo ao fronte da delegación española o xefe do Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Francisco Alonso Picón, de xeito que a Administración galega tivo un papel fundamental na consecución dos obxectivos do proxecto. Así, ademais de prestar apoio técnico ás autoridades ambientais xeorxianas en materia de inspección e avaliación ambiental, abriuse un espazo para a colaboración e intercambio de experiencias entre ambas administracións.

Entre os principais logros alcanzados nestes 21 meses de traballo cooperativo, cómpre subliñar a elaboración de borradores de leis e regulamentos sobre as Directivas da UE sobre emisións e accidentes industriais; a creación e preparación de ferramentas administrativas e de formación deseñadas especificamente para implementar un sistema ambiental integrado para a autorización e a inspección; e a elaboración dunha aplicación online fiable para a xestión de grandes riscos industriais.

Para poñer fin a esta iniciativa celebrouse un acto de clausura o pasado 24 de abril na localidade de Tbilisi que contou coa participación do ministro de Asuntos Exteriores de Xeorxia, a delegación da UE participante no proxecto e representantes das embaixadas española, checa e holandesa.

Galicia, referente en inspección ambiental

O proxecto levado a cabo en Xeorxia enmárcase no programa europeo twinning, unha iniciativa da Unión Europea para estreitar lazos e aproveitar as sinerxías entre os países do territorio e que, neste caso concreto, persegue o obxectivo de fortalecer as súas capacidades de aplicación da lexislación ambiental europea.

A Xunta foi escollida polas autoridades europeas para liderar a representación española no proxecto en atención ás políticas medioambientais que impulsou nos últimos anos. Neste sentido, a posta en marcha no ano 2016 do Plan de Xestión e Control de Residuos Industriais de Galicia 2016-2020 (Priga) sitúa á comunidade como un dos referentes en materia de prevención, control e xestión dos residuos industriais.

Este plan pretende servir de apoio ao tecido empresarial galego en materia de prevención, desenvolvemento sustentable, loita contra o cambio climático, redución da xeración de residuos e incremento da preparación para a súa reutilización, e fomento das taxas de valorización fronte á eliminación.

Así mesmo, cómpre lembrar que a finais do ano 2018 a inspección ambiental galega foi distinguida coa ISO 9001:2015, un selo que acredita a excelencia e a eficiencia deste servizo autonómico, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Galicia converteuse deste xeito na primeira comunidade española en implantar un sistema internacional de xestión de calidade que sitúa aos seus inspectores á vangarda do país.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es