CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente estudará posibles vías de colaboración co Concello da Peroxa para a humanización do seu núcleo urbano

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Manuel Seoane mantiveron unha reunión para analizar varios asuntos de interese para o municipio, entre eles, os problemas causados polo xabaril nalgunhas explotacións

  • A conselleira co alcalde do Concello da Peroxa

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comprometeuse a estudar e analizar posibles vías de colaboración entre o seu departamento e o concello ourensán da Peroxa para executar un proxecto de humanización de espazos públicos no seu núcleo urbano. Así llo trasladou Vázquez Mejuto ao alcalde deste municipio, Manuel Seoane, durante unha reunión de traballo na que abordaron varios asuntos de interese relativos a áreas da súa competencia.

Concretamente, en materia urbanística a actuación que ten proxectada o Concello da Peroxa consiste na realización dunhas obras para reurbanizar e humanizar a rúa da Fonte e unhas prazas lindeiras á mesma.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos a través de diversas liñas de axuda dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas, programas nos que o proxecto do Concello da Peroxa podería encaixar.

Danos producidos polo xabaril

Por outra banda, Manuel Seoane tamén aproveitou a reunión para trasladarlle á conselleira o impacto que están a ter as incursións de xabarís nalgunhas explotacións agrarias do seu concello, particularmente nas relacionadas co sector vitivinícola. Neste sentido, Ángeles Vázquez explicoulle que o seu departamento está a desenvolver varias medidas, tanto desde un punto de vista preventivo como paliativo, relacionadas coa xestión do xabaril en Galicia, un problema que a Xunta está a abordar “coa máxima preocupación” tras constatar un incremento dos exemplares existentes na comunidade.

Así, a conselleira trasladoulle ao rexedor que nos últimos meses puxéronse en marcha unha serie de accións para poñer coto ás poboacións de xabarís, entre as que se referiu á axilización das autorizacións para realizar batidas puntuais en zonas nas que se constatan danos e ataques, a decisión de prolongar o período de caza oficial a próxima tempada ou o emprego de novos métodos selectivos de captura, como por exemplo, as gaiolas trampa.

A este respecto, Vázquez Mejuto propúxolle ao alcalde da Peroxa a posibilidade de ofrecerlle aos viticultores afectados por incursións de xabarís algunha das gaiolas das que dispón a Consellería. Así, lembrou que a finais do mes de marzo o seu departamento encargou un lote con 20 gaiolas trampa para probar o seu funcionamento en explotacións agrícolas e gandeiras con provocados polo xabaril, unha medida de control excepcional e alternativa das poboacións desta especie que xa se está a empregar na práctica.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es