CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente considera ambientalmente viable o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Grove

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de emitir a Resolución pola que se formula a memoria ambiental do que será o primeiro Pxom do Grove, no momento no que acade a aprobación definitiva

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental vén de comunicar esta decisión e indica a necesidade de incorporar algunhas determinacións como actualizar denominacións, identificar os elementos correctamente na planimetría ou sinalar e delimitar determinadas zonas

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera que o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Grove é ambientalmente viable. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático vén de emitir a Resolución pola que se formula a memoria ambiental do Pxom do Grove e que vén de ser remitida á Administración local.

Deste xeito, conclúese a tramitación ambiental deste proxecto urbanístico e avánzase cara a aprobación definitiva do que será o primeiro Plan Xeral do Concello, que na actualidade se rexe por unhas Normas Subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas no ano 1996, afectadas polo Decreto 208/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de O Grove (DOG 21.06.2002).

Na Resolución remitida ao Concello establécense unha serie de determinacións, que se deben incorporar para favorecer a sustentabilidade ambiental da proposta.

Ademais de actualizar denominacións, identificar os elementos correctamente na planimetría ou identificar e delimitar determinadas zonas..., se indica que se debería valorar a reclasificación da zona situada ao noroeste do núcleo rural de Meloxo na que se clasifica como solo urbano consolidado ambas marxes dun viario que conecta Boibas co extremo suestre do Porto Meloxo como área como solo rústico, tal e como se contemplaba no PXOM aprobado inicialmente. Esta área vacante de edificación constitúe un lugar de paisaxe aberta e natural, ten como fondo escénico o mar e Punta Moreira e abrangue solo de características rústicas (vexetación natural, cultivos,…); a súa transformación urbanística limitaría o campo visual para contemplar as belezas naturais da contorna, rompendo a harmonía da paisaxe, e suporía un crecemento ao longo de vías de comunicación que favorece a dispersión edificatoria así como a formación de conxuntos indiferenciados de núcleos.

Tamén se valorará a conveniencia de recoñecer o elevado valor paisaxístico que posúe a zona situada entre a costa e o núcleo rural de Reboredo, atribuíndo ao solo rústico desta zona unha categoría de especial protección axeitada ou complementaria á actual.

Unha das últimas determinacións a destacar é o feito de que a planimetría do PXOM reflicte sobre a ordenación proposta o tramo do río Rasoeiro identificado como área con risco potencial significativo de inundación (ARPSI), non obstante debe reflectir tamén as zonas inundables e as zonas de fluxo preferente; para elo poderanse tomar como referencia os mapas de risco e de perigosidade publicados por Augas de Galicia e recollidos no Plan Básico Autonómico aprobado mediante Decreto 83/2018, de 26 de xullo (DOG nº 162, de 27/08/2018).

A Xunta de Galicia defende un urbanismo con principios, ordenado, transparente e fundamental para dar seguridade, riqueza e benestar aos cidadáns e así acadar o obxectivo de que todos os concellos galegos conten cun planeamento urbanístico actualizado. Nese sentido, colabora técnicamente cos mesmos, con reunións e encontros nos que se os asesora sobre como avanzar na redacción dun plan xeral ou outros instrumentos de planificación do territorio; e tamén economicamente, con axudas á redacción do planeamento, que no caso do Concello do Grove se eleva a case 140.000 euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es