CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta destina 2M€ a axudas de rehabilitación nas ARI dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Poderán solicitarse ata o 31 de outubro de 2019

As axudas poderán acadar os 17.000 euros por vivenda para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas

No caso de actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas a axuda pode chegar a 13.000 euros

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia destinará este ano dous millóns de euros a axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas na área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e na área de rehabilitación integral do Parque Nacional das Illas Atlánticas, tal como indica a Resolución pola que se realiza a convocatoria de ditas axudas para 2019, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Para a ARI dos Camiños de Santiago a dotación será de 1,5 millóns de euros e para a ARI das Illas Atlánticas de 0,5 millóns de euros.

As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de outubro de 2019, salvo que previamente se esgote o orzamento.

Para poder solicitar as axudas destas dúas ARI é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS. Esta cualificación obtense despois de realizar as obras de rehabilitación, para as que previamente deberá obterse a cualificación provisional. O prazo para a solicitude de cualificación provisional e definitiva abriuse o pasado 3 de xullo e poderanse solicitar ambas cualificacións ata o 31 de decembro deste ano.

Ademais de quen obteña a cualificación definitiva en 2019, poderán solicitar estas axudas as persoas e entidades que, estando en posesión da cualificación definitiva da actuación conforme á normativa da prórroga do Plan 2013-2016, non obtiveran a subvención con anterioridade, salvo nos supostos en que lle fora denegada por non cumprir os requisitos esixidos.

Beneficiarios das actuacións

No ámbito da ARI dos Camiños de Santiago poderán solicitar a cualificación provisional:

• As comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios.
• As agrupacións de propietarios.
• As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

No ámbito da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ademais da recollidas no apartado anterior, tamén poderán solicitar a cualificación provisional:

• As persoas físicas con algún dereito real sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.
• As persoas titulares dunha concesión sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.

Contía das axudas

As axudas do plan de vivenda son as seguintes:

A contía das axudas non poderá superar o 40 por cento do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75 por cento se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a tres veces o IPREM ou, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Dentro deste límites, o importe das axudas serán de:

- Ata 12.000 euros por vivenda para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética. No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementarase esta contía con 120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

- Ata 8.000 euros por vivenda para actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas. No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementaranse estas contías con 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

- Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.

O importe destas axudas incrementaranse nun 25 por cento cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

As axudas da Xunta de Galicia, que se suman ás anteriores, son as seguintes:

- Ata 4.000 euros por vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sen que a subvención poida exceder do 10 por cento do orzamento protexido de actuación da vivenda ou do edificio.

- Ata 1.000 euros por vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sempre que se adapten á “Guía de cores e materiais” aprobada pola Xunta de Galicia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es