CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente lanza a candidatura oficial para que a Ribeira Sacra se converta na sétima reserva da biosfera de Galicia

A conselleira Ángeles Vázquez participou na presentación do documento co que este espazo natural aspira a obter o recoñecemento internacional da Unesco e avanza que a partir de mañá o texto someterase ao trámite de información pública

A Xunta pretende remitir a candidatura este mesmo ano ao Comité Español do Programa MAB da Unesco, co obxectivo de poder obter a declaración en 2021

O Diario Oficial de Galicia publica mañá a primeira convocatoria de axudas para actuacións municipais que poñan en valor as reservas da biosfera da comunidade

Pantón (Lugo), 8 de agosto de 2019.- A Ribeira Sacra deu hoxe un paso firme na súa aspiración de converterse a medio prazo na sétima reserva da biosfera de Galicia. O Concello de Pantón acolleu esta mañá a presentación oficial da candidatura coa que os 23 concellos de Lugo e Ourense que abranguen o espazo conformado pola Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e Courel aspiran a conseguir este recoñecemento de carácter internacional xestionado e concedido pola Unesco.

O acto contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen subliñou a importancia desta candidatura para reforzar e completar a protección dos elementos máis senlleiros que conforman o patrimonio natural galego e axudar a fomentar o respecto polo medio ambiente.

Neste sentido, lembrou que Galicia xa conta con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da reserva da biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a extensión protexida en Galicia baixo esta figura se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio.

O documento que avala a candidatura da Ribeira Sacra farase público mañá, como avanzou a conselleira, coa publicación no DOG do anuncio polo que se abrirá durante un mes un período de información pública para que calquera persoa ou entidade interesada en enriquecer a proposta orixinal poida facer as súas alegacións ou suxestións.

Unha vez avaliadas as achegas que se reciban nesta fase e incorporados os cambios que se estimen oportunos, o seguinte paso será remitir o documento, previsiblemente antes de que remate este ano, á Secretaría do Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, co obxectivo de obter a súa declaración definitiva no ano 2021.

De conseguilo, apuntou a conselleira, sería un “mérito de todos” e a recompensa a máis de dous anos de duro traballo durante os que a Xunta de Galicia mantivo un diálogo constante con todos os axentes implicados e con intereses na declaración, entre eles concellos, grupos de desenvolvemento rural, universidades, sector turístico e outros colectivos, aos que agradeceu a súa importante contribución e a axuda á hora de perfilar esta proposta.

18 concellos de Lugo e 5 de Ourense

O director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), Pablo Ramil, foi o encargado de facer a presentación técnica da candidatura da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, unha zona que aglutina en total a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira).

Trátase, como explicou, dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta.

Neste sentido, a conselleira indicou que, se a candidatura presentada hoxe prospera e supera todos os requisitos e condicionantes establecidos para a súa declaración, este territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte da Unesco.

Así, lembrou que o pasado mes de abril as Montañas do Courel obtiñan a declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia. Pero ademais, engadiu que a Consellería de Cultura traballa xa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial ou da Humanidade, o que permitiría que esta zona acadase o triple recoñecemento.

Nova liña de axudas

Por último, a responsable galega de Medio Ambiente tamén aproveitou a presentación para anunciar que mañá sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha liña de axudas específica para financiar actuacións municipais que permitan poñer en valor as reservas da biosfera existentes na comunidade.

É a primeira vez que a Xunta pon a disposición dos concellos estas subvencións, dotadas para este ano cunha partida de 600.000 euros e coas que, explicou, o seu departamento quere potenciar a figura das reservas da biosfera porque son “un gran pulmón” para Galicia e unha “parte fundamental” do noso territorio a nivel natural, ambiental e tamén desde o punto de vista da biodiversidade.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es