CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente reforza o operativo de vixilancia dos encoros en Ourense coa incorporación dunha lancha zodiac

A delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Rodríguez, supervisaron esta mañá o funcionamento do dispositivo

Ourense, 9 de agosto 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Rodríguez, supervisaron esta mañá o funcionamento do operativo "ENCOROS 2019", o plan de vixilancia medioambiental dos encoros da provincia que se organiza, coordina e supervisa desde a Xefatura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na provincia.

Como principal novidade deste ano cómpre subliñar a incorporación dunha lancha tipo zodiac, que se suma ao habitual operativo de terra co fin de apoiar e reforzar desde as propias masas fluviais a vixilancia do estado das augas en xeral e daquelas que se atopan dentro da Rede Natura 2000, particularmente. En concreto, para realizar este traballo empregarase unha embarcación pneumática semiríxida, propiedade da Consellería de Medio Ambiente.

Cómpre lembrar que neste operativo participan axentes facultativos medioambientais, técnicos e demais persoal do Servizo de Patrimonio Natural de Ourense. Os labores de vixilancia e inspección céntranse en 14 encoros pertencentes aos cinco distritos medioambientais da provincia, en concreto, os de Frieira, Castrelo de Miño, Albarellos, Velle, Santo Estevo, San Martiño, Peñarubia, Prada, Chandrexa, As Portas, Bao, Salas, Lindoso e As Conchas.

Dáse a circunstancia de que na provincia de Ourense, no que vai de ano, expedíronse soamente na Xefatura Territorial da Xunta de forma presencial 77 licenzas con recargo a flote, o que permite aos afeccionados á pesca poder practicar esta actividade desde unha embarcación.

Obxectivos principais para este ano

Entre os obxectivos e prioridades específicos do Plan Encoros deste ano figuran incrementar a presenza dos axentes medioambientais nas masas de auga da provincia, divulgar toda a información da que se dispón entre os usuarios dos encoros, colaborar na vixilancia da Rede Natura 2000 desde as masas fluviais, e propiciar operativos conxuntos entre distintos corpos da administración autonómica e estatal.

Neste sentido, a delegada territorial da Xunta en Ourense lembrou que tanto a Unidade Adscrita da Policía Autonómica como o Servicio de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil tamén teñen competencias en materia medioambiental, polo que considerou interesante a posibilidade de facer algunha vixilancia conxunta e estender aos cursos fluviais a colaboración que manteñen xa en terra desde hai unha década co Servizo Provincial de Patrimonio Natural.

O traballo conxunto en materia de medio ambiente é unha necesidade e unha responsabilidade de todos, segundo dixo Díaz Mouteira, polo que garantir unha Galicia verde para as xeneracións vindeiras debe ser un obxetivo prioritario para o actual Goberno da Xunta.

A información tamén ten que chegar a todos os rincóns da provincia, engadiu, e un dos mellores métodos para conseguilo é reforzando a presenza do persoal da Consellería no maior número de espazos posible.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es