CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente orientará ao Concello de Riós na modificación do Plan Xeral para construír un parque empresarial de 30.000 metros cadrados

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Riós mantiveron un encontro de traballo no que abordaron proxectos de interese para este concello da provincia de Ourense

Outro dos temas abordados na reunión foron as distintas liñas de axudas dispoñibles para rehabilitar inmobles, co fin de facilitar vivendas aos veciños

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde de Riós, Francisco A. Veiga Romero, que o departamento que dirixe orientará e colaborará co Concello de Riós na tramitación necesaria para levar a cabo unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para adaptalo á Lei do solo e en consecuencia, levar a cabo a construción dun parque empresarial de 30.000 metros cadrados.

Este foi un dos compromisos asumidos pola conselleira de Medio Ambiente durante unha reunión co alcalde de Riós, onde analizaron iniciativas e proxectos de interese para este municipio da provincia de Ourense. Indicoulle que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo asesorará e informará do procedemento necesario para que o Concello impulse dita modificación do seu instrumento de planeamento urbanístico, co fin de facilitar o desenvolvemento de proxectos dentro do marco normativo actual.

Asemade, durante o encontro, o alcalde solicitou á conselleira información sobre os distintos plans e programas dos que dispón o Instituto Galego da Vivenda e Solo para facilitar a recuperación e rehabilitación de inmobles, co fin de habilitar vivendas a disposición dos veciños. Ángeles Vázquez recordou que na actualidade está aberto o programa de axudas do fondo de cooperación, que ten por obxectivo financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. O prazo para a solicitude dunha axuda ao abeiro deste plan remata o vindeiro 1 de outubro e a Xunta puxo a disposición das entidades locais preto de 8,5 millóns de euros, detallou.

Por último, a conselleira agradeceu o interese do rexedor por levar adiante iniciativas e accións de rehabilitación e recordou que en Galicia cada vez é máis doado rehabilitar, non só polos incentivos dispoñibles; senón tamén porque a Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, tamén simplificou os procesos e os trámites para levar a cabo actuacións de rehabilitación, por parte daquelas persoas ou entidades que teñen interese.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es