CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galicia prepara un calendario de eventos para dar a coñecer este outono a Estratexia de Economía Circular 2019-2030

A Consellería está a ultimar un Pacto pola Economía Circular co tecido empresarial galego para promover un cambio no modelo económico lineal, un acto coas tres universidades, que participaron na redacción do documento, e unha xornada monográfica en colaboración co Grupo de Crecemento Verde de España

O trámite de información pública e de audiencia da EGEC prolongarase ata comezos de setembro co fin de que institucións, entidades e particulares en xeral poidan estudar o seu contido e enriquecelo coas súas achegas e aportacións

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lanzará este outono un calendario de eventos co fin de dar a coñecer e impulsar a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 (EGEC), que ata o vindeiro 2 de setembro estará en fase de participación pública co fin de enriquecer o texto orixinal coas posibles achegas e alegacións que se reciban.

A axenda de eventos e reunións prevista para os vindeiros meses arrincará a comezos do outono coa sinatura dun Pacto pola Economía Circular con representantes do tecido empresarial galego co que se escenificará a necesidade de establecer unha colaboración público-privada se se quere romper e mudar o actual modelo produtivo e social.

Así mesmo, de cara ao mes de outubro estase a traballar xa na organización dun evento coas tres universidades galegas, cuxa participación na elaboración da EGEC nos últimos meses foi clave á hora de establecer as grandes liñas a seguir nesta materia.

Por último, a finais de ano a Xunta organizará unha Xornada de Economía Circular na que contará coa participación do Grupo de Crecemento Verde de España, creado para fomentar a colaboración público-privada e avanzar conxuntamente nos principais retos ambientais aos que se enfronta a sociedade actual, como a mitigación e adaptación ao cambio climático, a descarbonización da economía e, por suposto, o fomento dunha economía circular.

Todos estes eventos permitirán seguir dando a coñecer a EGEC e sumar apoios aos seus obxectivos unha vez pechado o proceso de participación pública, que se iniciou o pasado 2 de agosto coa publicación do documento no Portal de Transparencia da Xunta e a apertura, en paralelo, do trámite de audiencia a determinadas entidades, sectores e institucións cun interese especial na Estratexia.

Eixos de actuación e propostas

A Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 nace como un instrumento de planificación que marcará a medio prazo as liñas a seguir para poder materializar a aposta da Xunta por un cambio do modelo produtivo e social galego que permita substituír o actual sistema lineal por outro circular.

O documento establece oito eixos de actuación que parten dunha diagnose onde se reflicten as condicións socioeconómicas galegas e o seu estado de situación no reto de implantar a economía circular. Para cada eixo elaboráronse propostas nas que participaron diferentes axentes, administracións públicas, empresas e cidadáns, entre outros, co fin de acadar impactos positivos en recursos como a auga, o aire, a enerxía, os alimentos, o solo, ou os residuos, atendendo ás necesidades específicas galegas.

Coa consecución destas propostas, propiciaríase o ansiado cambio a un novo modelo económico, onde o valor dos produtos e compoñentes mantense o maior tempo dentro da economía o que proporciona unha vantaxe competitiva con respecto aos modelos lineais e unha nova fonte de emprego innovador e especializado.

Entre as propostas de traballo que inclúe a EGEC destacan a aposta polo ecodeseño, a simbiose industrial, a redución do desperdicio alimentario e a redución do uso e a mellora da xestión do plástico, entre outros.

O desenvolvemento da Estratexia Galega de Economía Circular, segundo as estimacións que se manexan nestes momentos, fará necesario mobilizar 887.437.000 euros durante os seus 10 anos de vixencia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es