CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente traballará cos concellos da Gudiña, Riós, Vilariño de Conso e a Mezquita para impulsar unha nova reserva da biosfera

A directora xeral de Patrimonio Natural reunirase o vindeiro mes de setembro cos municipios interesados para analizar as posibilidades do proxecto

A conselleira Ángeles Vázquez recibiu ao alcalde de A Gudiña, José María Lago, quen lle trasladou o interese dos catro concellos ourensáns en que o seu territorio poida optar a este recoñecemento internacional por parte da Unesco
 

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda analizará a posibilidade de impulsar unha nova candidatura a reserva da biosfera ante a Unesco para o territorio que discorre entre os concellos ourensáns de A Gudiña, Riós, Vilariño de Conso e A Mezquita.

Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez durante unha reunión co alcalde da Gudiña, José María Lago, un dos promotores do proxecto co que aspira, segundo lle explicou, a poñer en valor e preservar a riqueza que atesoura unha parte importante do seu concello, recoñecida xa como zona Rede Natura.

Para analizar en detalle a proposta, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, recibirá en setembro aos catro alcaldes, que desexan iniciar canto antes a tramitación administrativa necesaria para optar á declaración como reserva da biosfera. Neste sentido, José María Lago trasladoulle á conselleira a importancia deste proxecto para os catro municipios e considerou fundamental poder contar coa experiencia, o apoio e o asesoramento da Consellería desde o primeiro momento.

Galicia xa conta con seis reservas da biosfera que ocupan arredor do 25% de todo o territorio da comunidade. Son, concretamente, as reservas de Terras do Miño; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; río Eo, Oscos e Terras do Burón; Área de Allariz; As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

Ademais, a comezos deste mes presentouse oficialmente a candidatura coa que Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e Courel aspiran a converterse na sétima reserva da biosfera de Galicia no ano 2021.

Cómpre subliñar que esta figura foi creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural e supón un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es