CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente estudará posibles vías para axudar ao Concello de Monterrei na urbanización da contorna da capela de San Miguel

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde José Luis Suárez, quen lle trasladou a importancia deste proxecto para poñer en valor o núcleo rural de Vilaza

  • A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde José Luis Suárez

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estudará posibles vías de colaboración entre o seu departamento e o concello ourensán de Monterrei para levar a cabo un importante proxecto de humanización de rúas no núcleo rural de Vilaza. Durante unha reunión de traballo na que abordaron diversos asuntos de interese para o municipio, o rexedor explicoulle que o obxectivo das actuacións proxectadas é urbanizar o entorno da Capela de San Miguel.

Concretamente, a zona na que se quere intervir sitúase nas tres rúas colindantes coa pequena igrexa -Capela, Cova e Santa María- que presentan na actualidade un pavimento moi dispar e ten un impacto negativo na estética do núcleo. Para acabar con esta discontinuidade, o proxecto municipal pretende substituír o pavimento actual por 15 centímetros de formigón cepillado de cor ocre e adoquíns nos lindes coas vivendas da zona, co fin de poñer en valor a contorna da Capela de San Miguel.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos a través de diversas liñas de axudas dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas de humanización orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas.

De feito, a comezos deste ano o departamento autonómico convocou axudas para a creación ou mellora de infraestruturas urbanas en concellos de menos de 50.000 habitantes, unha orde na que, como indicou a conselleira, encaixaría o proxecto municipal para urbanizar os arredores da capela de San Miguel.

Danos causados polas riadas de xullo

Así mesmo, ambos mandatarios tamén aproveitaron a xuntanza para falar do impacto tiveron neste concello as intensas precipitacións e riadas rexistradas a comezos de xullo. Segundo explicou o alcalde de Monterrei, a chuvia acompañada de pedrazo arrastrou montaña abaixo pedras, terra e outros sedimentos que deixaron ao seu paso numerosos danos tanto en bens públicos como privados, afectando en particular a varias casas particulares.

Neste sentido, a conselleira Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) se existe algunha liña de axudas dispoñible á que poidan acollerse e optar os titulares das vivendas de Monterrei afectadas polas riadas que asolaron este concello o mes pasado.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es