CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente adxudica por máis de 60.000 euros a humanización dos núcleos de Oza e Salto, no concello de Oza-Cesuras

A mellora de ambos puntos deste municipio coruñés lévase a cabo ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Goberno municipal

Coa execución desta actuación, cuxos traballos xa están en marcha, cúmprese un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas, favorecer a cooperación entre Administración autonómica e local e promover o reequilibrio territorial

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou por un importe de 66.000 euros as obras de humanización de dous núcleos do municipio de Oza-Cesuras, Salto e Oza. Trátase dunha actuación que se executará ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Oza-Cesuras.

Tras a aprobación do plan de seguridade e saúde e as comprobacións previas sobre o terreo por parte da adxudicataria, os traballos nesta zona están en marcha desde a semana pasada e os prazos de execución das obras comezaron a contar.

A necesidade desta actuación radica no feito de que o pavimento actual non se atopa en óptimas condicións, especialmente para os peóns que transitan día a día por esta zona, polo que é preciso dotar este lugar dunhas novas beirarrúas que faciliten o paso a pé dos veciños, ao mesmo tempo que se achega unha maior seguridade viaria nesta estrada, que soporta moito tráfico e o paso de moitos peóns.

Nese sentido, a actuación mellorará o estado dunha zona na que se concentran un gran número de establecementos comerciais, de hostalería e oficinas, situada á beira da estrada AC-840 e moi preto da Casa do Concello.

Por último, coa execución desta obra dáse cumprimento a tres obxectivos: fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na Comunidade.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es