CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente adxudica por case 65.000 euros as obras de humanización da rúa da Igrexa de Abade en Tordoia

A intervención, cuxos traballos previos ao inicio da obra leváronse a cabo esta semana, consistirá na pavimentación e sinalización do viario, así como na sinalización de prazas de aparcamento

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar por un importe de case 65.000 euros as obras de humanización da rúa da Igrexa da Vila de Abade, en Tordoia. Tras a aprobación do plan de Seguridade e Saúde e de que se fixeran esta semana as comprobacións necesarias sobre o terreo, os traballos previos para poder iniciar as obras xa están rematados.

Trátase dunha actuación que se executará ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello de Tordoia, a través do cal se procederá á pavimentación da calzada e do aparcamento e á construción de dous muros de contención de formigón armado. Así mesmo, o proxecto tamén recolle a instalación da sinalización horizontal deste espazo e completala co pintado de liñas horizontais de aparcamento e a colocación de varandas de protección.

Esta actuación é acorde coas iniciativas do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e garanten o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos básicos para a cidadanía.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es