CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente adxudica por máis de 42.000 euros o acondicionamento da contorna do campo da feira de Leiro

Con esta actuación, financiada nun 70% pola Xunta e nun 30% polo propio concello, acondicionarase para o tráfico peonil e rodado a pavimentación dunha importante zona de esparexemento do municipio ourensán

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar por 42.261,26 euros a obra de acondicionamento da contorna do campo da feira de Leiro (Ourense) á empresa Eicros Gestión SL. A actuación que se levará a cabo terá como finalidade acondicionar para tráfico peonil e rodado esta zona, localizada nun entorno de marcado carácter rural e que na actualidade conta cunha pavimentación nun estado bastante deficiente.

Concretamente, no proxecto distínguese entre dúas áreas diferenciadas de actuación: a senda que discorre paralela ao río e a praza situada ao final da rúa Padre Eiján. En ambos casos, pártese dun pavimento deteriorado nalgunhas zonas e de terra noutras. Por iso, os traballos consistirán basicamente na substitución desta terra por un pavimento de acabado similar pero con mellores características, que faciliten e permitan tanto o tránsito peonil como o rodado.

En canto á actuación prevista na praza, esta zona presenta na actualidade un acabado asfáltico bastante deteriorado que se quere cambiar por outro novo que dea continuidade a un tramo de paseo fluvial que nestes momentos está pavimentado en formigón. Así mesmo, no proxecto tamén se prevé acondicionar mediante material terrizo continuo un pequeno sendeiro que cruza unha zona axardinada e aproveitar a obra para ampliar a rede se saneamento de pluviais da zona.

Segundo figura no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Leiro, a Consellería de Medio Ambiente aportará o 70% do custo estimado dos traballos, mentres que a Administración local asumirá o 30% restante.

Esta actuación enmárcase dentro dos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo actual Goberno galego no ano 2010 para brindar o seu apoio ás entidades locais á hora de levar a cabo proxectos, obras e actuacións integrais que teñan como finalidade crear ou humanizar espazos de uso público.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es