CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente invita a un centenar de veciños das Nogais a participar nun proxecto de compostaxe doméstica

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda celebra mañá, martes 10 de setembro, unha primeira reunión informativa para explicar o contido e condicións desta iniciativa

A única condición que se lles solicita aos veciños que voluntariamente desexen participar é contar cun espazo verde, xardín ou horta na que instalar o composteiro

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda quere implicar a cen veciños do Concello das Nogais nun proxecto comunitario de compostaxe doméstica. Así llo traslada nunha carta remitida aos veciños deste municipio lucense aos que convoca a unha reunión informativa para presentarlles e explicarlles o contido e as condicións desta iniciativa de compostaxe doméstica en áreas rurais.

Así, os fogares das Nogais que voluntariamente desexen participar neste proxecto deberán asistir mañá, martes 10 de setembro ás 20,30 horas, ao Centro Socio-Cultural, para coñecer o proceso de compostaxe e as principais vantaxes da súa implantación. A iniciativa desenvolverase nos 100 primeiros fogares que se inscriban no proxecto e que conten cun espazo verde, xardín ou horta onde instalar un composteiro.

Cada familia recibirá de balde un composteiro de 300 litros de capacidade e un manual de compostaxe doméstica, ademais dunha sesión de formación específica para o correcto desenvolvemento e seguimento do proceso. Todos os usuarios contarán con asesoramento telefónico directo. Non obstante, a Consellería realizará visitas de seguimento técnico para comprobar a correcta evolución do proceso da compostaxe.

Coa posta en marcha deste proxecto de compostaxe doméstica, a Xunta de Galicia persegue fomentar a xestión descentralizada da fracción orgánica nas áreas rurais illadas da Comunidade para incrementar os índices de recollida separada dos biorresiduos e servir de exemplo para a implantación de iniciativas similares en todo o territorio galego.

Para acadar ditos obxectivos, Medio Ambiente ten previsto desenvolver nos vindeiros meses outros proxectos dirixidos a implantar diferentes alternativas de xestión dos residuos orgánicos nos concellos galegos, centros educativos e grandes produtores, co fin de implicar ao maior porcentaxe de poboación.

Ao mesmo tempo, estas iniciativas permiten avanzar no cumprimento dos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe establecidos na recente modificación da Directiva Marco de Residuos.

De acordo con esta modificación, ao obxectivo de reciclar o 50% dos residuos xerados en 2020, sumaranse outros novos, como que a cantidade de residuos reciclados deberá ser do 55% no ano 2025, do 60% de aquí a 20230 e do 65% en 2035. Ademais, nesta modificación da Directiva Marco de Residuos, obrígase tamén aos Estados membros a implantar a recollida separada da fracción orgánica dos residuos –unha competencia municipal- antes do 31 de decembro do ano 2023.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es