CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O Diario Oficial de Galicia publica o Decreto do plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Invernadeiro que entrará en vigor o vindeiro 8 de outubro

A Xunta de Galicia defende que o plan reitor é a folla de ruta que garantirá o equilibrio entre os valores naturais do mesmo e os usos e a xestión dos seus recursos e terá unha vixencia de 6 anos

Ademais de contar cun plan de emerxencia e de autoprotección, tamén inclúe un plan de actuación con diferentes liñas de traballo para avanzar en materia de conservación da biodiversidade, paisaxe e investigación uso público

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019-. O Parque Natural do Invernadeiro, ao igual que o Parque da Serra da Enciña da Lastra, terá en vigor este outono o seu primeiro plan de xestión de usos e xestión. Isto será posible tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do Decreto polo que se aproba este instrumento de uso e xestión que entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no DOG.

Estre PRUX, que terá unha vixencia de seis anos, é un instrumento específico para xestionar, protexer e conservar os valores dun espazo natural garantindo o uso e a xestión axeitada dos seus recursos.

Unha das novidades é que contará cun plan de emerxencia e de autoprotección que mellorará a capacidade de resposta ante posibles emerxencias que puidesen presentarse; así como un plan de actuación con diferentes liñas de traballo para avanzar en materia de conservación da biodiversidade, paisaxe, investigación e uso público. No caso dos plans de emerxencia, estes pretenden optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución da emerxencia e minimizar as posibles consecuencias. Deberán estar adaptados á normativa vixente e coordinado co resto dos plans establecidos no mesmo ámbito territorial.

Asemade, contará cun programa económico financeiro para levar a cabo actividades e actuacións que garantan a mellora e a conservacións deste espazo nos vindeiros anos, como o programa de conservación da biodiversidade, de investigación, seguimento e avaliación, de uso público e de mellora das infraestruturas.

Un parque de montaña despoboado

O Invernadeiro é un parque de montaña despoboado, cunha superficie de 5.722 ha, e localizado ao sur do Macizo central, entre os leitos dos ríos Ribeira Pequena e Ribeira Grande, situado na súa totalidade no Concello de Vilariño de Conso.

Foi declarado como parque natural o 5 de xuño de 1997 e ten unha gran importancia ecolóxica, pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats, como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. Conta cunha gran biodiversidade, cunha gran riqueza faunística, especialmente mamíferos e aves.

Así, e en función do estado de conservación dos recursos naturais e da presenza e fraxilidade de elementos físicos e bióticos, no plan de usos e xestión establécense tres zonas diferentes:

- zona de reserva (Zona I): aquelas que requiren un alto grado de protección por albergar os maiores valores naturais. Sitúase no terzo norte do Parque Natural, comprende o Val da Corga de Aguacenza, o Val do Figueiro e os vales de Casarello e Puxo Negro, que albergan as máis valiosas formacións de bosque autóctono do Parque Natural e se corresponden coas cabeceiras de conca de Ribeira Grande. Esta zona destinarase exclusivamente a actuacións e usos directamente vinculados coa xestión, investigación, seguimento e recuperación.

- zona de uso limitado (Zona II): son as áreas nas que a conservación dos seus valores naturais é compatible cun certo grao de uso do territorio. Sitúase na banda central do Parque.

- zona de uso compatible (Zona III): está formada por aquelas zona do parque que, aínda prestando importantes valores naturais, están destinadas preferentemente ao uso e goce da natureza polos visitantes e polos usuarios da aula da natureza e do centro de información. Esta zona caracterízase por ter a fisiografía máis accesible do Parque e por ter a maior porcentaxe de superficie arborizada, fundamentalmente de coníferas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es