CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Friol colaborarán na recuperación do Club Fluvial e da contorna

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá este concello da provincia de Lugo, onde avanzou que a Xunta asumirá un 70% do orzamento previsto para esta actuación, que se eleva a 700.000 euros

Ángeles Vázquez destaca que se trata dunha actuación que se executará ao abeiro do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno galego e que xa ten beneficiado a máis de 125 concellos

Friol (Lugo), 9 de setembro de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o departamento que dirixe está a tramitar o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Friol para levar a cabo as obras de urbanización e mellora do Club Fluvial de Friol e a súa contorna.

Así llo adiantou esta mañá Ángeles Vázquez ao alcalde de Friol, José Ángel Santos Sánchez, durante unha visita a este concello da provincia lucense, onde destacou que o importe da actuación elévase a 700.000 euros, dos que a Consellería abonará un 70%.

Grazas a esta actuación, construirase unha nova edificación para o Club fluvial, para o que será necesario intervir no edificio actual -que ten máis de 40 anos e presenta un estado deficiente-, e urbanizaranse as piscinas existentes no complexo. En definitiva, se levarán a cabo obras para que un novo edificio ofreza as condicións necesarias de seguridade, salubridade e habitabilidade, xa que o actual presenta humidades, filtracións e danos estruturais.

A conselleira destacou que esta actuación executarase ao abeiro do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010, para apoiar ás entidades locais con actuacións que creen ou humanicen espazos de uso público e promovan o reequilibrio territorial. A modo de exemplo, recordou que Friol se beneficiou deste Plan, coa execución dunha mellora da seguridade viaria na Avenida da Coruña e A Reigosa, a través dun convenio que asinado no ano 2016 por importe de 370.000 euros.

Lembrou que ao longo deste anos, executáronse en Galicia 200 actuacións ao abeiro deste Plan, beneficiando a un total de 125 concellos e destacou que só no ano 2019 se reservaron máis de 5,6 millóns de euros para actuacións urbanísticas en concellos a través de 40 convenios e tamén se concederon 35 axudas ao amparo dunha orde de axudas urbanísticas dirixidas a concellos de menos de 50.000 habitantes.

Por último, a conselleira destacou que grazas a iniciativas como a comprometida hoxe se promove a recuperación do xa construído, se coida a contorna e se renovan infraestruturas que melloran a calidade de vida dos veciños.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es