CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita por case 500.000 euros a redacción dos proxectos de rehabilitación de trece inmobles en Ferrol Vello

Tal e como anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda durante unha visita a semana pasada, o Instituto Galego de Vivenda e Solo vén de publicar os contratos na plataforma de contratación

Trátase dos inmobles adquiridos no marco do programa Rexurbe, dentro da convocatoria realizada no ano 2018

A Xunta mantén a súa aposta pola rehabilitación nesta cidade, que na convocatoria de 2019 recibiu un total de sete ofertas para nove inmobles, que na actualidade se están a estudar

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investirá case 500.00 euros (498.284,13) na redacción dos proxectos de rehabilitación dos trece inmobles adquiridos no marco da oferta do programa Rexurbe realizada en 2018. O Instituto Galego da Vivenda e Solo vén de licitar a redacción dos proxectos e a dirección da obra, agrupando os tres inmobles en catro grupos.

Así, o IGVS contratará a redacción de tres proxectos e dirección das obras para a rehabilitación dun edificio na Rúa Carme Curuxeiras 8 e a construción de dous edificios na Rúa Carme Curuxeiras 22 e 24. O importe de licitación deste contrato é de 117.204,59 euros IVE incluído

Outro dos contratos permitirá a redacción de tres proxectos e dirección das obras para a rehabilitación de dous edificios nas Rúas Benito Vicetto 17 e Rúa dos Mártires 9 e a construción dun edificio na Rúa Castro 22-24, por importe de 114.952,95 euros IVE incluído

Un terceiro contrato será para a redacción de tres proxectos e dirección das obras para a rehabilitación de tres edificios na Rúa Espartero 18, 46 e 59, por importe de 127.911,25 euros IVE incluído.

Finalmente, contratarase a redacción de catro proxectos e dirección das obras para a rehabilitación de catro edificios na Rúa San Francisco 13 e 21, Río Novo 11 e Rastro 7 (esquina Praza Vella), por importe de 138.215,34 euros, IVE incluído.

A Xunta de Galicia mantén unha clara aposta pola rehabilitación na Comunidade, que no caso concreto de Ferrol tamén se reflicte na convocatoria de 2019 do programa Rexurbe, para a adquisición de inmobles. Nesta convocatoria foron presentadas sete ofertas para un total de nove inmobles, que se atopan actualmente en estudo para determinar cales poden ser adquiridas.

Tal e como avanzara a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o pasado venres, as obras do inmoble ubicado no número 1 da Rúa Argüelles, no barrio de Ferrol Vello, comezarán este outono, tras a adxudicación das obras a finais do mes de agosto por un importe de máis de 330.000 euros, o que permitirá que se habiliten dúas vivendas e un local neste inmoble. Eesta actuación execútase a cargo do Programa Rexurbe, unha iniciativa autonómica para a recuperación de conxuntos históricos e áreas especialmente degradadas.

O conxunto destas actuacións de rehabilitación e recuperación do patrimonio construído en Ferrol tradúcese nun investimento de case 6 millóns de euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es